O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou hoxe que “Vigo ten un goberno estable, serio, que traballa e está unido, independentemente das puntuais discrepacias que poidan existir”. O nacionalistas respostaba así as preguntas dos xornalistas a raíz dunhas declaracións feitas por concelleiros socialistas de A Coruña reclamando a ruptura do pacto nesa cidade.
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Santi Domínguez dixo que non ten por costume valorar as declaracións que fan outras persoas e menos se non son da súa formación, pero en todo caso dixo que “debemos valorar na súa xusta medida os resultados electorais e, na miña opinión, non hai que estrapolalos aos resutlados municipais”.
O tenente de alcalde dixo que si se queren estrapolar en Vigo a cidadanía deixou claro que continúa apostando por un goberno bipartito e por deixar ao Partido Popular na oposición. Sinalou que o PP incluso perdeu votos en relación ás municipais e non acadaría a maioría absoluta.
En relación á marcha do pacto de goberno dixo que “polo que ao BNG respecta non hai necesidade de romper nada”, pero como xa tiña manifestado o pasado mes de xaneiro, “independentemente dos resultados”, si pensa que a punto de chegar ao ecuador do mandato é o momento de avaliar e valorar a marcha dos acordos.
A respecto das manifestación que onte fixo Xosé Manuel Beiras o tenente de alcalde,sinalou que o BNG “ten a cultura de que as decisións as toman os seus órganos correspondentes”, como son a Executiva Nacional e o Consello Nacional. Santi Domínguez sinalou tamén que “Beiras forma parte da cúpula do BNG, forma parte da Executiva que pide que demita, e nos órganos de decisión é onde me gustaría ter escoitado a súa opinión”. O nacionalista salientou asemade que nestes momentos, “cuns resultados electorais negativos, o que temos que facer é reflexionar e escoitar o que di a cidadanía”.