06 marzo 2009

"Vai de Camiño" : en Redondela e Caldas de Reis, esta fin de semana

ESTA FIN DE SEMANA, A PROGRAMACIÓN DE INVERNO DE “VAI DE CAMIÑO” ACHÉGASE A CULLEREDO, PADRÓN, REDONDELA, CALDAS DE REIS E PALAS DE REI
-Nesta nova edición esténdese a programación aos meses de inverno dando cabida a propostas artísticas adaptadas aos espazos cubertos dispoñibles nos concellos polos que pasan as rutas xacobeas
-A IV edición do programa “Vai de Camiño” prosegue coa promoción de artistas galegos que caracterizaron ás anteriores edicións, mais incorporando nesta grupos musicais de noveis procedentes da Rede de Locais de Ensaio

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Redondela. Camiño Portugués. Venres, 6 de marzo. No Auditorio Municipal A Xunqueira, ás 20.30 h., Xoán Curiel e Miguel Fernández. Xoán Curiel, da Fonsagrada, é un músico autodidacta que se iniciou no mundo da bossa nova e do jazz inspirándolle estes xéneros musicais a súa posterior evolución. Despois do álbum “Nai”, no 2007, preséntanos agora o froito de tres anos de traballo, unha proposta musical madura e aberta con influencias de diferentes músicas do mundo en colaboración con cantantes, poetas e outros artistas galegos. Pola súa parte, Miguel Fernández fai un directo caracterizado por versións na súa maioría de temas clásicos das décadas dos 70, 80 e 90 en formato acústico cuns marcados arranxos folk que lle aportan unha nova visión do repertorio.

Caldas de Reis. Camiño Portugués. Sábado 7 de marzo. No Auditorio Municipal, ás 21.00 h., actuación de Batital e de Miro Casabella. Batital é un grupo amateur que naceu no 2007 no seo da asociación cultural “Claves Líricas” . O seu traballo pode definirse como de sons do mundo, aínda que cun toque xenuinamente galego a traveso das letras das cancións e dos arranxos. En canto a Miro Casabella, trátase dun dos históricos da nosa canción de autor, na que se iniciou xa nos anos sesenta da man dos cantautores da Nova Cançó catalana, e proseguindo en multitude de concertos e circunstancias ao longo de todos estes anos publicando discos e actuando en concertos en solitario e cos máis significativos cantautores ao longo dos máis variados escenarios.