
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O vicepresidente e Deputado delegado de Cultura, José Juan Durán, presidiu hoxe o xurado cualificador das obras da Certame Novos Valores 2009, que, tras dous días de deliberación, escolleu os 40 traballos finalistas que concorrerán polas seis bolsas de 6.000 euros cada unha.
Destes 40 traballos que pasarán a exporse no Novo Edificio do Museo de Pontevedra, 11 son fotografías, 8 son pinturas, 7 son esculturas, 7 son vídeos, 4 son debuxos, 2 gravados e 1 clasificado na categoría varios. Este ano se presentaron a concurso un total de 290 obras.
Estas seis axudas económicas a que concorren ós traballos seleccionados han servir para a ampliación dos estudos artísticos dos autores galardoados. Un destes premios levará o nome de José Fernández López e deberá recaer necesariamente nunha obra pictórica.
O xurado seleccionador, composto polo vicepresidente provincial, José Juan Durán; o director do Museo, Carlos Valle; e cinco persoas de recoñecido prestixio nos campos da Crítica, das Artes e da Historia da Arte; así coma o secretario titular da Deputación, será o mesmo que seleccione as seis obras gañadoras de entre as 40 que chegaron á fase de exposición.
Novos Valores, un dos certames máis sobranceiros dos organizados polo Museo de Pontevedra xunto coa Bienal de Arte e os Premios á Investigación, está orientado a todos os artistas –pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas ou videocreadores– susceptibles de ser considerados novos valores, naturais ou residentes en Galicia.
Plicas cerradas
Co obxecto de garantir un proceso máis limpo, este ano introduciuse a novidade de entregar as obras e a identidade dos autores baixo plica, en sobre pechado, que se abrirán o vindeiro martes, día 16 de xullo.