13 junio 2009

Programan ya los grupos de Desarrollo Rural

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou, na segunda sesión que celebra este órgano desde a súa constitución, a proposta do Comité de selección de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Con esta decisión, o Consello de Agader da por concluído con éxito o proceso selectivo de programas de desenvolvemento rural e de grupos de desenvolvemento rural do programa Leader Galicia 2007-2013.

Coa selección destes 31 programas e grupos darase cobertura á totalidade do territorio rural de Galicia. Con cargo á iniciativa comunitaria LEADER, cofinanciada con fondos europeos de agricultura e desenvolvemento rural (FEADER), está prevista a realización de investimentos na Galicia rural por valor de preto de 314 millóns de euros dende agora ata o ano 2013. Como mínimo, o 75% dos fondos públicos destinados a estes investimentos (preto de 150 millóns de euros), serano para proxectos produtivos e xeradores de emprego no rural galego.

Desenvolvemento do potencial de cada zona
Os 31 programas finalmente aprobados, deseñados por e para os habitantes dos territorios rurais galegos, e á medida de cada unha das zonas de actuación do grupo de desenvolvemento rural correspondente, están inspirados nunha filosofía baseada na participación de abaixo cara arriba e no desenvolvemento do potencial endóxeno de cada zona. Os investimentos destinaranse, entre outros fins, ao aumento da competitividade do sector agrario e forestal; á mellora do medio ambiente no rural ou á mellora da calidade de vida e a diversificación das economías rurais de Galicia. Existe tamén financiamento para o desenvolvemento de proxectos de cooperación transnacional e interrexional.

Nesta sesión, os membros do Consello de Dirección de Agader foron informados polo miúdo do proceso de selección (levado a cabo mediante convocatorias públicas abertas), das bases utilizadas (tamén públicas), dos medios despregados para asegurar o estrito cumprimento das condicións que garanten a competencia dos GDR para alcanzar os seus obxectivos e a representación equilibrada dos axentes económicos, sociais e da sociedade civil nos seus órganos de goberno.

O proceso de selección desenvolveuse en dúas convocatorias públicas. A decisión do Consello de Dirección de Agader ven a por fin a esta fase previa á convocatoria de axudas a realizar polos propios GDR, que neste intre están a dotarse de medios e persoal para facer fronte ás súas obrigas de dinamización do territorio rural no que se integren.