18 junio 2009

Como siempre : la más completa referencia del Consello de la Xunta, aquí, cada jueves, en MORRRAZO-TRIBUNA

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 18 DE XUÑO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


DECRETOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Decreto de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

• Decreto polo que se nomean os membros do Consello Asesor de RTVE en Galicia

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Decreto polo que se dispón que cese Juan José Álvarez Carril como director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

• Decreto polo que se nomea a Eliseo Diéguez García como director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

• Decreto polo que se crea o Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia e se regula a súa organización e funcionamento

ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se modifica a composición dos membros na Comisión Bilateral de Cooperación Administrativa Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e o Concello de Guitiriz, para finalizar a execución de obras en materia de urbanismo

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio entre o Ministerio de Vivenda e a Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación do Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que se autoriza a Consellería de Economía e Industria para establecer anticipos, de ata o 80% do importe da subvención, na Orde pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes aos programas sectoriais de Investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (INCITE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2009

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da addenda ao convenio de colaboración asinado o 1 de decembro de 2005 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia (agora Ministerio de Educación), para a aplicación de diversos programas de apoio aos centros de Educación Primaria e Educación Secundaria (Plan Proa) para o ano 2009

• Acordo polo que se autorizan compromisos de gastos de carácter plurianual na Orde pola que se convocan bolsas de prórrogas para a realización de estudos oficiais nas universidades do Sistema Universitario de Galicia conducentes ao título de máster universitario

• Acordo polo que se autorizan compromisos de gastos de carácter plurianual na Orde pola que se convocan bolsas para a realización da prórroga dos estudos de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia cofinanciadas polo Fondo Social Europeo

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Fundación Érguete-Integración de Vigo, para o desenvolvemento do Programa Sísifo de Intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social


CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

• Acordo polo que se autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para a sinatura dun convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia para o desenvolvemento, durante os anos 2009 e 2010, das actuacións que comprende o Servizo de Licitacións Internacionais (Portal SALT) ao abeiro do “Acordo sobre un novo marco de relacións laborais en Galicia”, asinado o 5 de febreiro de 2007

• Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e Cruz Vermella Española en Galicia, para a execución dun programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Acordo polo que se aproba a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA)


INFORMES

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Informe da Secretaría Xeral para o Deporte sobre sedentarismo e actividade física

• Informe sobre o Plan de austeridade das estruturas orgánicas da Xunta de Galicia

CONSELLERÍA DO MAR

• Informe sobre o Plan de coordinación para a loita contra o furtivismo

O GOBERNO GALEGO APROBA A ESTRUTURA ORGÁNICA DA PRESIDENCIA DA XUNTA, QUE INCORPORA OS CENTROS DIRECTIVOS COMPETENTES EN MATERIA DE IGUALDADE, NOVAS TECNOLOXÍAS E DEPORTE

O Goberno galego aprobou hoxe, na súa reunión semanal, o Decreto de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que suma ás súas competencias a xestión directa dos asuntos relacionados coa igualdade entre homes e mulleres, o fomento das novas tecnoloxías e o deporte. A procura dunha maior racionalidade e eficacia son os principios inspiradores da nova estrutura orgánica da Presidencia do Goberno galego.

Conforme o decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta, dependen directamente da Presidencia da Xunta seis secretarías xerais e a Asesoría Xurídica Xeral, con rango de dirección xeral. As secretarías xerais adscritas á Presidencia son: a Secretaría Xeral da Presidencia, á cal está adscrita a Dirección Xeral do Gabinete de Presidencia; a Secretaría Xeral de Medios, á cal está adscrita a Dirección Xeral de Comunicación e a Compañía de Radiotelevisión de Galicia; a Secretaría Xeral da Igualdade, que ten adscrito o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

No que atinxe á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, esta unidade configúrase como un órgano central ao cal lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e comunicación, e a súa aplicación para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. É un dos principais puntos fortes desta nova estrutura orgánica da Presidencia da Xunta, que vén representar a forte aposta do Goberno galego polas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

Desta secretaría xeral dependerán funcionalmente as unidades responsables das tecnoloxías da información e a comunicación de cada consellería, así como dos seus organismos dependentes.

Ademais do mencionado centro directivo, tamén pasan a integrarse na estrutura orgánica da Presidencia da Xunta a Secretaría Xeral da Igualdade, responsable da promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero, e a Secretaría Xeral para o Deporte, á cal lle corresponde o desenvolvemento das políticas nesta materia no ámbito da nosa comunidade autónoma.

A nova estrutura establecida polo decreto, que suporá un aforro de preto de 100.000 euros cumprindo cos criterios de eficiencia e austeridade, introduce outras variacións respecto da estrutura anterior, entre as que destaca a supresión da Secretaría Xeral de Análise e Proxección. No ámbito da Secretaría Xeral de Emigración suprímese tamén unha subdirección xeral, de xeito que se reúnen nunha soa a planificación e a xestión das políticas do retorno e da inmigración.

A XUNTA APROBA O DECRETO DE NOMEAMENTO DOS MEMBROS DO CONSELLO ASESOR DA RTVE EN GALICIA

O Goberno galego aprobou na súa reunión de hoxe o Decreto polo que se nomean os membros do Consello Asesor da Radio Televisión Española en Galicia, logo de que foran designados polo Pleno do Parlamento, na sesión que tivo lugar o pasado 9 de xuño e de conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 10/1983, reguladora do Consello Asesor de RTVE en Galicia.

Deste xeito José Miguel Alonso Boo, José Ramón Carballo Rodríguez, Ángel Currás Fernández, Luis de la Matta Cantó, Esperanza González Martín, Juan Francisco Méndez Ruiz, Cecilia Pérez Orge, Juan José Quintáns Paredes, Agustín Reguera Ocampo, María Palomi Rodríguez Castiñeiras, Fernando Rodríguez Méndez, Ángel Sicart Giménez e José Miguel Túñez López serán as trece persoas que formarán parte do Consello Asesor de RTVE en Galicia. Destes trece designados, sete foron por proposta do Grupo Parlamentario Popular, catro por proposta do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia e dous por proposta do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, de xeito proporcional ao número de deputados con que conta cada un dos grupos na Cámara galega.

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DIRECTOR DO INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA (INEGA)

Eliseo Diéguez García

Nado en Vilameá (Camba), no concello de Rodeiro (Pontevedra), Diéguez García ten 59 anos de idade e é enxeñeiro industrial experto en enerxías renovables.

O novo director do Inega posúe unha ampla experiencia na Administración, marcada pola municipalidade. En 2004, Diéguez García entra a formar parte da xunta directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Un ano máis tarde foi nomeado presidente do constituído Comité de Municipios con Parques Eólicos da propia FEGAMP, e impulsa a redacción dun documento de propostas dos concellos sobre enerxía eólica.

Tomando como referencia o modelo galego, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) elixe en 2006 a Diéguez García como coordinador e director do Grupo de Traballo de Federacións Territoriais de España con Parques Eólicos, e amplía a elaboración do documento de propostas dos concellos sobre enerxía eólica iniciado en Galicia ao ámbito estatal. Nese mesmo ano, pasa a ser o representante de FEGAMP no Consello do INEGA e participa na ampliación do Comité de Municipios con Parques Eólicos da FEGAMP ás demais enerxías renovables.

Entre os logros acadados polo traballo de Diéguez García destaca a consideración dos parques eólicos como bens de características especiais (BICES) con respecto ao IBI, e o recoñecemento a nivel local do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) sobre o orzamento de execución material do parque eólico.

Eliseo Diéguez García considérase un defensor e estudoso das enerxías renovables, un convencido promotor do aforro enerxético e da defensa da natureza e posúe unha magnífica relación coas administracións locais.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE SE CREA O REXISTRO ADMINISTRATIVO DE LIBRARÍAS DE GALICIA

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto para a creación do Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia coa finalidade de regular a súa organización e funcionamento. Para a aprobación deste rexistro telemático foron necesarios os informes favorables do Consello Consultivo de Galicia, da Asesoría Xurídica Xeral e da Dirección Xeral do Servizo Galego de Igualdade.

O Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia terá carácter obrigatorio para os efectos administrativos de todos os establecementos abertos ao público nos cales se vendan libros, tal como establece a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia. A inscrición no rexistro, de carácter público e único, será unha condición necesaria para acceder ás axudas e subvencións da Consellería de Cultura e Turismo.

Con este novo decreto búscase renovar, ordenar e dar unha utilidade real o Rexistro Administrativo de Librarías, dado que o vixente desde 1986 na práctica non é significativo. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura facilitaralles aos interesados o acceso ao contido do rexistro informático para funcionar como un medio de consulta áxil e eficaz.

A XUNTA ACORDA OS SEUS NOVOS REPRESENTANTES NA COMISIÓN BILATERAL DE COOPERACIÓN ENTRE O ESTADO E A COMUNIDADE GALEGA

• Serán o conselleiro de Presidencia, a conselleira de Facenda, a directora xeral da Asesoría Xurídica Xeral, o director xeral do Gabinete de Presidencia e o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias
• A Comisión Bilateral é o instrumento esencial de cooperación e entendemento entre ambas as dúas administracións, estatal e autonómica

O Consello da Xunta aprobou esta mañá o acordo polo que se modifica a composición dos membros permanentes por parte da Xunta na Comisión Bilateral da Cooperación Administración Xeral do Estado - Comunidade Autónoma de Galicia. Así, tendo en conta a nova estrutura orgánica do Goberno galego, os novos membros da Xunta na Comisión Bilateral serán o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá de vicepresidente; a conselleira de Facenda; a directora xeral da Asesoría Xurídica Xeral; o director xeral do Gabinete de Presidencia e o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, que actuará como secretario.

Comisión Bilateral
A Comisión Bilateral é o instrumento esencial de cooperación e entendemento entre ambas as dúas administracións, estatal e autonómica. Para levar a cabo este cometido, entre as súas funcións atópanse o impulso, desde o punto de vista bilateral, da realización de plans, programas e actuacións conxuntas para o desenvolvemento das políticas comúns nos distintos ámbitos sectoriais; a celebración de convenios de colaboración naqueles ámbitos materiais en que sexa necesaria a especificación dun plan ou programa conxunto; desempeñar mecanismos de colaboración mutua nas distintas áreas en que poida confluír a actividade de ambas as dúas administracións; ou servir de canle de actuacións de carácter preventivo no intento de impedir que xurdan conflitos entra ambas as administracións.

Ademais, tamén son competencias desta comisión o arbitrio de propostas de solución a cuestións de interese para ambas as administracións, examinar calquera asunto que os afecte ou que teña por obxecto evitar ou intentar resolver por vía extaprocesal conflitos de competencia; analizar as normas con rango de lei, estatais ou autonómicas, en relación coas cales se susciten cuestións susceptibles de dar lugar á interposición dun recurso de inconstitucionalidade.



A XUNTA FINANCIA O 100% DAS OBRAS DO CURRO VELLO NO CONCELLO DE GUITIRIZ

• A través desta actuación levaranse a cabo varias obras viarias neste núcleo

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Guitiriz, cuxo importe é de 171.862 euros. O obxecto desta colaboración e darlles continuidade aos compromisos asumidos nun convenio asinado en 2007 e concluír as actuacións pendentes derivadas do cumprimento do contrato de obra de intervención urbanística no Curro Vello, que quedaron sen rematar a finais do pasado ano.

As obras que se financiarán teñen por obxecto reservar para uso peonil as rúas que non admiten máis que un tránsito rodado esporádico, recuperar os camiños rurais, que están ocupados por maleza, e reurbanizar as rúas que foron executadas de xeito deficiente na anterior actuación. Por outro lado, a instalación de iluminación pública será en columna e subterránea, en lugar de utilizar puntos de luz nas fachadas.

En definitiva, darase cobertura á execución final e liquidación das obras neste concello da provincia de Lugo.



O PLAN DE VIVENDA 2009-2012 SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 400 MILLÓNS DE EUROS EN GALICIA E BENEFICIARÁ MÁIS DE 50.000 FAMILIAS

• O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do Convenio co Ministerio de Vivenda
• O investimento inducido pode acadar os 3.000 millóns de euros, incluídas as subvencións públicas
• O Plan permitirá a xeración de arredor de 40.000 postos de traballo
• Os obxectivos para o período 2009-2012 implican un total de 50.755 actuacións en materia de vivenda, fronte aos 32.396 do ciclo anterior, o que supón un incremento do 56,67%
O Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe aprobou o convenio entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Vivenda sobre actuacións de vivenda e solo no marco do Plan de Vivenda 2009-2012, que beneficiará en Galicia máis de 50.000 familias.
No marco do novo Plan de Vivenda destinaranse a actuacións de vivenda en Galicia máis de 400 millóns de euros, dos cales o Ministerio de Vivenda achegará máis de 271 millóns e a Xunta de Galicia máis de 130 millóns de euros. Estas cantidades non inclúen as correspondentes a subsidiación de préstamos, que o Ministerio de Vivenda paga directamente ás entidades financeiras, e poderán incrementarse en función do cumprimento de obxectivos.
Os obxectivos para o período 2009-2012 implican un total de 50.755 actuacións en materia de vivenda, fronte aos 32.396 do ciclo anterior, o que supón un incremento do 56,67%.
O convenio que asinarán a Xunta e o Ministerio para a posta en vigor do Plan de Vivenda 2009-2012 en Galicia prevé a promoción de 13.780 vivendas protexidas de nova construción ao longo dos catro anos de vixencia del, das cales 9.620 serán para venda e 3.980 para aluguer. Así mesmo, o Ministerio de Vivenda cofinanciará a construción de 180 vivendas de promoción pública.
Tamén se prevén axudas para a adquisición de 1.070 vivendas baleiras no caso de que xa transcurrise 1 ano desde o outorgamento da licenza de primeira ocupación e sempre que sexan primeira transmisión e que o promotor decida cualificalas como vivendas de protección autonómica. Con esta medida a Administración pretende axudar a reducir o actual stock de vivendas e colocalas no mercado.
O convenio tamén establece a posibilidade de cualificar como protexida unha soa vivenda dentro dun edificio de vivendas libres, ademais da cualificación por edificios completos ou plantas destes.
Doutra banda, poderán acollerse ás axudas do Plan de Vivenda, cumprindo os requisitos establecidos para as protexidas, as vivendas libres cando se trate da primeira venda e pasase polo menos un ano desde a obtención da licenza de primeira ocupación.
Polo que respecta ao aluguer, ademais da promoción de vivendas de nova construción destinadas a este, o Plan de Vivenda prevé que a través del se financien 3.270 axudas a inquilinos acollidas ao programa de axudas ao aluguer.
Así mesmo, o plan prevé actuacións de rehabilitación, tanto en áreas de rehabilitación integral (ARIS) como en áreas de renovación urbana (ARUS), erradicación do chabolismo e axudas Renove, destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a hixiene, saúde e protección do ambiente nos edificios e vivendas, e a utilización de enerxías renovables. En total os diferentes programas de rehabilitación prevén 29.025 actuacións no conxunto do plan.
Finalmente, o convenio aprobado polo Consello da Xunta prevé a creación de solo residencial para a construción dun total de 3.610 vivendas protexidas, das cales a maior parte estarán en áreas prioritarias.
En total, os obxectivos iniciais do Plan de Vivenda 2009-2012 supoñen un incremento de máis do 56 por cento respecto dos obxectivos iniciais do anterior plan

Axudas
Os adquirentes de vivendas ao abeiro do Plan 2009-2012 poderán beneficiarse de axudas para a adquisición de vivendas protexidas de nova construción e de vivendas usadas, así como para a promoción de vivendas para uso propio.
Todos os que accedan por primeira vez á propiedade dunha vivenda ao abeiro do Plan 2009-2012 terán unha axuda directa á entrada da Xunta de Galicia de 2.000 euros, acumulables ás axudas directas á entrada establecidas con carácter xeral, de maneira que os galegos que adquiren vivenda por primeira vez terán unha subvención total de entre 7.000 e 10.000 euros, segundo os seus ingresos.
Tamén terán subvencións os menores de 35 anos e os maiores de 65, familias numerosas, familias monoparentais con fillos, familias con ingresos que non superen 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), as mulleres vítimas da violencia de xénero, as vítimas do terrorismo e persoas dependentes ou con discapacidades recoñecidas e as familias que as teñen ao seu cargo. Como novidade, o Plan de Vivenda inclúe axudas directas a afectados por situacións catastróficas e persoas separadas ou divorciadas que estean ao día no pagamento das pensións alimenticias ou compensatorias, se é o caso.
As axudas mínimas para estes colectivos oscilan entre 7.000 e 16.000 euros, dependendo do nivel de ingresos. O nivel máximo pode incrementarse se unha mesma familia pertence a máis de un dos colectivos citados, xa que as axudas autonómicas para estes son acumulables.
Cabe salientar que a Xunta de Galicia establece unha discriminación positiva en favor das familias numerosas con cinco ou máis fillos, que reciben o dobre de axuda que unha con menos de cinco fillos, mentres que o Ministerio de Vivenda subvenciona todas coa mesma cantidade.
Así mesmo, a Xunta de Galicia establece unha axuda especial para emigrantes retornados e chabolistas, que acada o 25 por cento do custo da vivenda, cun límite máximo de 17.000 euros. Ademais das subvencións directas, os adquirentes de vivenda poderán acceder a préstamos subsidiados.

Tramitación
O convenio aprobado hoxe polo Consello da Xunta de Galicia deberá ser asinado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda. Posteriormente a Xunta de Galicia aprobará e publicará, no Diario Oficial de Galicia, o decreto que establecerá a aplicación do Plan de Vivenda en Galicia. As axudas do dito plan poderán solicitarse a partir da entrada en vigor do dito decreto.

Efectos económicos
A aplicación do Plan de Vivenda 2009-2012 terá uns evidentes efectos económicos en Galicia, xa que se prevé que o investimento total realizado, incluíndo as achegas de promotores, particulares e as axudas directas da Xunta de Galicia e o Ministerio de Vivenda superen os 3.000 millóns de euros.

Este investimento repercutirá na xeración de empregos directos no sector da construción, rehabilitación e urbanización de solo para vivendas protexidas, así como en empresas auxiliares, podendo superarse os 40.000 postos de traballo.


OBXECTIVOS INICIAIS DO PLAN DE VIVENDA 2009-2012
EN COMPARACIÓN COS OBXECTIVOS INICIAIS DO PLAN ANTERIOR

2009-2012 2005-2008 Incremento
Promoción de vivenda de nova construción para venda 9.620 9.342 2,98
Promoción de vivenda de nova construción para aluguer 3.980 3.890 2,31
Cofinanciamento de vivendas de promoción pública 180 0 -
Programa de axudas a inquilinos 3.270 2.000 63,50
Adquisición de vivenda usada 1.070 2.217 -51,74
Rehabilitación 29.025 9.350 210,43
Solo residencial(*) 3.610 4.927 -26,73
Total vivendas 47.145 27.469 71,63
Total solo (*) 3.610 4.927 -26,73
Total vivenda+solo 50.755 32.396 56,67
(*)Desenvolvemento de solo residencial por promotores privados. Os obxectivos exprésanse en número de vivendas que se van construír sobre o solo urbanizado.

SUBVENCIÓNS AUTONÓMICAS E ESTATAIS PARA COMPRA DE VIVENDA
AO ABEIRO DO PLAN DE VIVENDA

Galicia (*) Estado
Ingresos (referidos ao Iprem)
Ata 4,5 ≤2,5 2,5-3,5 3,5-4,5
Xeral 2.000 8.000 7.000 5.000
Menos de 35 anos 2.000 9.000 8.000 6.000
Familias numerosas 2.000 (1) 12.000 10.000 8.000
Familias monoparentais con fillos 2.000 12.000 10.000 8.000
Persoas dependentes ou con discapacidade 2.000 12.000 10.000 8.000
Mulleres vítimas de violencia de xénero 2.000 11.000 9.000 7.000
Vítimas do terrorismo 2.000 11.000 9.000 7.000
Persoas separadas ou divorciadas 2.000 11.000 9.000 7.000
Emigrantes retornados e/ou chabolistas 25% (2)
17.000
(*) As axudas da comunidade autónoma son acumulables entre si (excepto das de emigrantes retornados e chabolistas) e súmanse ás do ministerio. As axudas do ministerio non son acumulables entre si)
(1)Familias con cinco ou máis fillos: 4.000 euros
(2) Límite de ingresos: 1,5 veces o IPREM. A axuda consiste nun 25% do custo da vivenda, cun límite de 17.000 euros.


ECONOMÍA E INDUSTRIA ANTICIPARÁ ATA O 80% DA CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN APLICADA

• Esta medida apoia á empresa galega para fomentar a investigación, flexibilizando tamén o acceso aos fondos
• O obxectivo é dar resposta ás necesidades dos sectores económicos galegos, contribuíndo a súa competitividade, modernización e diversificación
• As axudas contan cun orzamento de preto de 37,5millóns de euros
• Do total das axudas, 22 millóns irán dirixidos a financiar proxectos do sector empresarial en Galicia

O Consello da Xunta aprobou esta mañá a orde pola que se establecen as bases da convocatoria dos Programas Sectoriais de Investigación Aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación 2006 – 2010 (INCITE), que prevé, como novidade nesta edición, establecer anticipos de ata o 80% da contía das axudas.

Grazas a estes anticipos, as entidades beneficiarias recibirán parte da axuda antes de efectuar o gasto, contribuíndo así a que as actividades de I+D+i non supoñan un atranco para a situación financeira principalmente das empresas. Así mesmo, o Consello da Xunta autorizou a exención da presentación de garantías, de forma excepcional, por parte das empresas que se beneficien das axudas.

Esta medida supón un apoio decidido á empresa galega para fomentar a investigación, e flexibiliza tamén o acceso aos fondos. O obxectivo último é dar resposta ás necesidades dos sectores económicos galegos, contribuíndo a súa competitividade, modernización e diversificación.

Máis de 37 millóns de euros para investigación aplicada
A convocatoria dos Programas Sectoriais conta nesta edición cun orzamento dispoñible de 37.411.090 euros, unha cifra que supón un incremento do 1,22% respecto da anterior. En concreto, deste orzamento total 8.261.090 euros están destinados a apoiar proxectos do sistema público de investigación; 7.150.000 euros para proxectos de centros tecnolóxicos; e 22.000.000 euros a proxectos de empresas.

As axudas están destinadas a apoiar a actividade de investigación desenvolvida principalmente polas empresas, aínda que tamén polos grupos de investigación do sistema público e os centros tecnolóxicos, en resposta ás necesidades dos sectores económicos de Galicia e a fomentar a colaboración entre os diferentes axentes do Sistema galego de I+D+i. Esta convocatoria está cofinanciada por fondos FEDER e FCI.

Na convocatoria articúlanse tres programas para o apoio a proxectos de I+D+i: o programa de Investigación Aplicada, para subvencionar proxectos de investigación aplicada nas tecnoloxías sectoriais definidas no Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (incite); o programa Peme I+D, para a dinamización do proceso innovador nas pequenas e medianas empresas; e o programa I+D Suma, para apoiar proxectos de maior impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema.

Estes programas están dirixidos ás seguintes tecnoloxías sectoriais: Medio rural, Medio mariño, Recursos enerxéticos e mineiros, Medio natural e desenvolvemento sustentable, Biomedicina e ciencias da saúde, Tecnoloxías da alimentación, Tecnoloxías dos materiais e da construción, Deseño e produción industrial (dúas modalidades: Deseño e produción industrial e Deseño e produción na automoción), Tecnoloxías da información e as comunicacións , Sociedade da información, Sociedade e cultura e Turismo.

Os proxectos poderán ser individuais (realizados por unha soa entidade) ou en colaboración (realizados entre varias entidades). Poderán ser beneficiarios destas axudas as seguintes entidades: equipos de investigación do sistema público de investigación de Galicia (universidades, entes e centros públicos de investigación e organismos públicos de investigación de Galicia); centros tecnolóxicos; empresas privadas e agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de I+D.

A duración dos proxectos será dun máximo de tres anos, a contar desde a data da concesión e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, desde a data de publicación da orde no DOG.

Proxectos de equipos, centros tecnolóxicos e empresas
Os proxectos de investigación aplicada individuais poden estar realizados por unha das seguintes entidades: equipos de investigación do Sistema Público de I+D; centros tecnolóxicos ou empresas e agrupacións de empresas.

O obxectivo das subvencións encamiñadas a desenvolver proxectos de investigación aplicada por parte de equipos de investigación do Sistema público é apoiar proxectos dirixidos por persoal investigador do Sistema Público de I+D de Galicia que desemboquen en resultados aplicables e transferibles ao tecido produtivo nalgún dos doce sectores sinalados máis arriba. Neste caso, a contía máxima da axuda será de 120.000 euros para un período máximo de 3 anos.

As axudas dirixidas a proxectos de investigación aplicada de centros tecnolóxicos, pola súa banda, teñen por obxecto promover o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada dirixidos por equipos de investigación de centros tecnolóxicos de Galicia como instrumento do Programa I+D SUMA. Poderán ser beneficiarios os centros tecnolóxicos consolidados e os pre-centros (de recente creación ou en fase de transformación) que figuren na listaxe publicada nas bases da convocatoria. Neste caso, non hai un importe máximo da axuda.

Por último, as axudas dirixidas a proxectos de investigación industrial ou desenvolvemento tecnolóxico de empresas e agrupacións de empresas teñen por obxecto promover o desenvolvemento de proxectos realizados por pemes e grandes empresas nas distintas liñas de investigación subliñadas nas tecnoloxías sectoriais como instrumentos dos programas PEME I+D e I+D SUMA. O importe do custo total solicitado debe ser como mínimo de 50.000 euros no caso de PEME e de 90.000 euros para as grandes empresas.

O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A ADDENDA AO PLAN PROA DE PROGRAMAS DE APOIO EN CENTROS DE PRIMARIA E SECUNDARIA

• A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación contribuirán a partes iguais con preto de 6 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou a sinatura da addenda ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para consolidar con preto de 6 millóns de euros o Plan PROA de reforzo, orientación e apoio escolar. Cada unha das partes achegará 2.984.280 euros para beneficiar 172 centros da comunidade, 15 máis que ata o de agora.

Conta con dous tipos de programas: acompañamento (primaria e secundaria) e apoio e reforzo (secundaria). Coa addenda autorizada hoxe, o programa amplíase a 15 centros máis de Galicia, distribuídos con 87 programas de acompañamento en primaria, 45 de acompañamento en secundaria e 40 de apoio e reforzo en secundaria.

O Plan PROA comezou en Galicia no 2005 en 40 centros, coa intención de compensar a desvantaxe educativa dalgúns alumnos, a miúdo provocada por circunstancias de carácter persoal ou sociocultural. O programa pretende potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar, facilitar a continuidade na progresión da acción educativa e incrementar a relación e a comunicación coas familias. Está dirixido ao alumnado do último ciclo de educación primaria e ao do primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria de centros públicos.

O plan ofrece recursos aos centros educativos para que, xunto aos demais actores da educación, traballen nunha dobre dirección: contribuír a debilitar os factores xeradores da desigualdade e garantir a atención aos colectivos máis vulnerables para mellorar a súa formación e previr os riscos de exclusión social.

O programa de acompañamento escolar procura dar axuda aos alumnos en horario extraescolar para a adquisición de destrezas básicas, a mellora no hábito lector e a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario.

Mentres, o programa de apoio e reforzo en educación secundaria diríxese a centros educativos cunha proporción significativa de alumnos pertencentes a familias desfavorecidas economicamente ou de baixo nivel cultural.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CONVOCATORIA DE BOLSAS DE PRÓRROGA PARA REALIZAR MÁSTERS E ESTUDOS DE TERCEIRO CICLO

• O orzamento total será de 637.120 euros para os estudos conducentes ao máster universitario e de 988.790 euros para os cursos de terceiro ciclo

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a dúas convocatorias de bolsas de prórroga para a realización de estudos no Sistema Universitario Galego (SUG). Diríxense concretamente a estudantes de terceiro ciclo e de másters universitarios, con cargo aos exercicios 2009-2010.

A primeira convocatoria, para estudos de terceiro ciclo nas universidades do SUG, conta cun orzamento total de 988.790 euros, cofinanciados ata un máximo do 80 por cento polo Fondo Social Europeo (FSE). As bolsas van dirixidas a alumnos que xa tiveron unha de terceiro ciclo durante o curso 2008-09 e sempre que teñan aprobados 20 créditos. A duración, entre outubro de 2009 e setembro de 2010, cunha dotación de 700 euros mensuais e unha axuda á matrícula de 325 euros co pagamento do primeiro mes da bolsa. Os beneficiarios desfrutarán, ademais, dun sistema de cobertura sanitaria gratuíta.

Bolsas para másters universitarios
A outra convocatoria de prórroga vai dirixida a alumnos de segundo ano en estudos oficiais de máster universitario e que aprobaron a totalidade dos créditos do curso 2008-09. A contía é de 600 euros mensuais, cunha axuda de matrícula de 500 euros.

As duración é de 12 meses –ano e medio no caso dos plans de estudo de 90 créditos- e serán concedidas por curso completo. Ao igual que nas bolsas para terceiro ciclo, os estudantes terán dereito a un seguro sanitario gratuíto.

A contía total ascende a un total de 637.120 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Educación, de acordo coa seguinte distribución: 189.280 euros en 2009 e 447.840 no ano 2010.

Estas bolsas son incompatibles con outras axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado. O prazo de solicitude será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A CONSELLERÍA DE SANIDADE DESTINA 235.000 EUROS Á INTERVENCIÓN PRECOZ CON DROGODEPENDENTES EN SITUACIÓN DE EMERXENCIA SOCIAL

• Con este obxectivo dará continuación ao convenio asinado coa Fundación Érguete-Integración para o desenvolvemento do Programa Sísifo
• A iniciativa está destinada a achegarse ao colectivo drogodependente que non acode habitualmente á rede asistencial normalizada, atendendo sobre todo á poboación xuvenil

A Consellería de Sanidade e a Fundación Éguete-Integración dan continuidade ao convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa Sísifo, de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social. Neste sentido, o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun acordo polo que o departamento autonómico achegará 235.000 euros con este fin.

O Programa Sísifo está destinado a achegarse ao colectivo drogodependente que non acode habitualmente á rede asistencial normalizada, atendendo sobre todo á poboación xuvenil. A carencia de recursos deste colectivo dificulta o seu acceso a medidas hixiénicas e alimenticias básicas, unha situación que aumenta a posibilidade de infección ou transmisión de enfermidades e repercute negativamente no seu estado de saúde ou calidade de vida.

Polo tanto, o seu obxectivo xeral é ofrecer un recurso de apoio residencial para o grupo de drogodependentes máis desprotexido a nivel social, que dea resposta inmediata aos casos de emerxencia derivados dunha notable deterioración física ou mental; á poboación xuvenil drogodependente sen rede social de apoio e con déficit de vivenda; e ás situacións de ex-reclusión.

Así, con este proxecto preténdese facilitar o acceso e integración destes drogodependentes á rede asistencial a través dun traballo individualizado de motivación e derivación; desenvolver actividades formativas –tanto con usuarios de drogas como con profesionais relacionados co ámbito das drogodependencias-; favorecer medidas que eviten a exclusión social e sanitaria de persoas con problemas de consumo de drogas; promover o desenvolvemento de accións xunto con outras entidades ou programas para complementar a atención dispensada a estas persoas; e desenvolver unha función investigadora para un mellor coñecemento deste tipo de poboacións drogodependentes; entre outros.

A Fundación Érguete-Integración será a responsable da xestión do desenvolvemento da iniciativa a través da programación das actividades que se van desenvolver, a intervención e coordinación destas e a avaliación das distintas accións que forman parte do programa.

TRABALLO COLABORA COA CEG NA AMPLIACIÓN E O MANTEMENTO DO PORTAL SALT QUE RECOLLE INFORMACIÓN PARA LICITACIÓNS INTERNACIONAIS

• A Consellería financiará diversas actuacións deste programa cunha achega global de 452.000 euros correspondente ás anualidades de 2009 e 2010
• Esta web ofrece información actualizada sobre concursos internacionais e inclúe asesoramento e formación ás pemes galegas

A Consellería de Traballo e Benestar colaborará coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) na ampliación e o mantemento do portal SALT (Servizo de Licitacións Internacionais), acción para a que destinará un orzamento de 452.000 euros, dos cales 272.000 euros corresponden á anualidade actual e 180.000 á próxima.

Este servizo ten como obxectivo ofrecer oportunidades de negocio á empresa galega no mercado dos organismos multilaterais de desenvolvemento (OMD) e mellorar a presenza das pemes galegas no devandito mercado internacional.

Para iso o SALT ofrece información detallada e pormenorizada das formas de acceso para esas oportunidades comerciais existentes. Este sistema de servizos a empresas axudará de xeito efectivo a coñecer este mercado e a participar de forma activa nos proxectos financiados polos OMD.
Así mesmo, dáse información polo miúdo do amplo conxunto de axencias, fondos e bancos de desenvolvemento que conforman o sistema dos OMD. Desde este portal tamén se ofrece unha aproximación ás características e procedementos dos proxectos de que derivan as citadas licitacións internacionais.
Ao abeiro do acordo aprobado hoxe, subvencionaranse parte das accións incluídas na plataforma web a través da cal se presta, entre outros servizos, un de alertas que avisa en tempo real ás empresas adheridas sobre os proxectos e licitacións que se publican.
Así mesmo, e dada a complexidade destes procesos internacionais, levarase a cabo tamén un plan de formación dirixido tanto a empresarios como directivos, técnicos especializados e bolseiros.
Estudos de investigación que faciliten o coñecemento deste mercado, un plan de promoción institucional para fomentar este servizo e un programa de contratación de especialistas neste ámbito son outras das actuacións subvencionadas a través deste convenio de colaboración.

TRABALLO DESTINA 357.000 EUROS A CRUZ VERMELLA EN GALICIA PARA UN PROGRAMA DE APOIO ÁS PERSOAS SEN TEITO

• O proxecto pretende a incorporación social das persoas sen fogar e desenvolverase contando cos servizos sociais das principais cidades

A Consellería de Traballo e Benestar destinará 357.000 euros á entidade Cruz Vermella en Galicia para desenvolver un programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito. Esta axuda está recollida nun convenio de colaboración entre ambas as entidades aprobado esta mañá no Consello da Xunta.

O programa de apoio desenvolverase a través dos servizos sociais existentes nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, e tamén dos equipos de intervención creados para o dito programa, que se levará a cabo tanto na rúa como nos albergues. O proxecto vai encamiñado a minimizar os danos asociados á condición de persoas sen fogar na procura da súa integración na rede de asistencia social.

As liñas de actuación deste programa pretenden ofrecer unha atención integral ás persoas sen fogar. Deste xeito os profesionais traballarán para, nun primeiro momento, detectar patoloxías mentais, alcoholismo e outras adiccións nas persoas teito e despois poder derivalos cara aos servizos pertinentes. Ademais, o programa proporcionaralles asesoramento social e legal ás persoas que o precisen co fin de favorecer o proceso de inserción individual.

A Consellería de Traballo impulsa este programa para mellorar a situación persoal das persoas sen teito e reducir as situacións de exclusión social. O programa desenvolverase ata finais de 2009 a través da entidade de iniciativa social Cruz Vermella Española en Galicia.


O CONSELLO DA XUNTA DÁ O SEU VISTO E PRACE AO PLAN CONTRA OS LUMES FORESTAIS ‘PLADIGA 2009’

• O Plan contra os incendios no monte prioriza, por esta orde, a protección dos núcleos de poboación e os espazos naturais protexidos
• Varias administracións involúcranse nunha estratexia en que participan máis de 6.000 persoas en época de maior risco de lumes forestais

O Consello da Xunta deu esta mañá o seu visto e prace á edición de 2009 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2009). O documento ten por obxecto, segundo recolle nos seus fundamentos, “o establecemento da organización e procedemento de actuación dos recursos e servizos” previstos por diversas administracións públicas e entidades privadas para a loita contra o lumes nos montes.

En consonancia con anos anteriores, o Pladiga 2009 establece como época de perigo alto de incendios as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro; de perigo medio os meses de marzo, abril, maio, xuño e outubro; e de baixo, xaneiro, febreiro, novembro e decembro. Considérase, porén, “a posibilidade de situacións especiais, no nivel de distrito forestal, provincial ou autonómico, derivadas das condicións meteorolóxicas, ou doutras circunstancias agravantes do risco, que obriguen a intensificar a vixilancia preventiva e a un aumento de utilización dos medios”, segundo recolle o propio Plan.

En calquera caso, o criterio para o cálculo e o despregamento de medios sobre o territorio realízase segundo a frecuencia de incendios en cada zona ao longo do ano.

Prioridade para as persoas
O obxectivo dos medios recollidos no Pladiga 2009 “é extremar o esforzo e priorizar as accións para que nos incendios o lume non se achegue, por esta orde de prioridade, aos núcleos de poboación e aos espazos naturais protexidos da Rede Galega de Espazos Naturais; e, non ameace as persoas, os seus bens e as infraestruturas vitais, nin os ecosistemas, sobre todo os máis vulnerables ante o lume, os hábitats naturais, sobre todo os prioritarios”.

Canto aos obxectivos de control do Pladiga 2009, establécese como meta que non se supere a media de 3 hectáreas afectadas por lume forestal, así como manter a porcentaxe de conatos (lumes menores de 1 hectárea de afectación) por riba do 70 por cento. Igualmente, é obxectivo recollido no plan que os lumes maiores de 25 hectáreas de afectación queden por baixo do 2 por cento.

Igualmente, o Pladiga 2009 reflicte a intención, para este ano 2009 e o vindeiro 2010, de que se reduza o número de incendios, e tamén a superficie afectada, nun 20 por cento respecto da media dos últimos dez anos. Convén neste sentido lembrar que os dous últimos veráns (de 2007 e 2008) foron extraordinarios desde un punto de vista meteorolóxico e pluviométrico, con moita maior humidade e precipitacións do habitual en Galicia: establécese por iso o criterio de redución en función dos últimos dez anos.

Algunhas novidades de 2009
Ademais de modificacións internas nos protocolos e procedementos, derivados do novo organigrama da Xunta, o plan engade 19 parroquias entre os puntos de especial vixilancia. Estes puntos son aqueles que contabilizan 10 ou máis lumes por ano, ou ben rexistran catro veces máis da media do seu distrito. As parroquias que se adhiren neste ano 2009 a ese sistema de especial vixilancia pertencen aos concellos de Narón, Malpica de Bergantiños, Cerceda, Sobrado, Cervantes (2), A Fonsagrada (2), Carballedo, Quiroga, O Saviñao, Guntín, Lugo (2), Monterroso, O Páramo, Ourense, A Gudiña, e A Mezquita. Canda estas 19 novas, o Plan recolle as outras 295 que xa se incluían noutros anos, ata completar un número final de 314 parroquias nesta situación de especial vixilancia.

Outras novidades salientables son a ampliación en 38 brigadas de reforzo para o período de máximo risco, a reorganización de 90 unidades de vixilancia e intervención, o incremento de 30 vixilantes fixos na provincia da Coruña, e a apertura da nova base de helicópteros no Barco de Valdeorras.

Presenza de voluntarias/os
O Pladiga 2009 salienta a importancia da presenza de voluntarias e voluntarios, de xeito organizado, para os labores de prevención. Mantense o seu papel de vixilancia disuasoria e de complemento ás torretas de vixilancia fixa. Tanto as agrupacións veciñais de vixilancia forestal como o voluntariado do monte galego, disporán de elementos identificadores homologados pola Dirección Xeral de Montes, así como de diverso material para poderen realizar as súas tarefas de vixilancia preventiva e de apoio.

O documento ao que hoxe deu o seu visto e prace o Executivo galego recolle, así mesmo, o convenio coas Forzas Armadas, recentemente aprobado polo Consello da Xunta. Este convenio enlaza a Xunta e a Administración do Estado, á cal a Consellería do Medio Rural quere agradecer moi especialmente o esforzo e apoio continuados na loita contra os lumes forestais en Galicia.

Dispositivo humano e material
No plan deste ano está prevista a mobilización de 6.070 persoas en temporada de máximo risco, sen contar voluntarias/os, das cales 4.960 teñen vinculación laboral coa Xunta, ben por seren funcionarios ou persoal laboral fixo, ben contratados directos polo SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, da propia Consellería do Medio Rural), ou ben contratados a través da Empresa Pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga). As restantes 1.110 son persoal municipal, ou dos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida), ou de GLPA (Grupos Locais de Pronto Auxilio).

O Pladiga 2009 recolle un despregamento, en temporada de alto risco, de 657 cuadrillas de extinción de lumes forestais, que darán cobertura e servizo a todos os concellos galegos, cun sistema de espallamento que garante a optimización de recursos en todo momento, e en toda a xeografía galega.

Estes seis milleiros amplos de profesionais contra os lumes forestais terán ao seu dispor este verán, na temporada de máximo risco, 26 medios aéreos da Xunta, 8 propios do Estado, e 4 dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, aos cales hai que engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras comunidades autónomas.

En terra, o Pladiga 2009 recolle máis de 300 medios de loita contra o lume, entre os cales cabe salientar 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais).

Nota importante: o documento completo do Pladiga 2009 está dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural (http://mediorural.xunta.es)


A XUNTA ELABORARÁ UN PLAN ESTRATÉXICO PARA O FOMENTO DA ACTIVIDADE FÍSICA E CREARÁ UN OBSERVATORIO DA PRÁCTICA DEPORTIVA E A ALIMENTACIÓN SAUDABLE BAIXO A MARCA “GALICIA SAUDABLE”

• Este proxecto, que nace por iniciativa da Secretaría Xeral para o Deporte, terá carácter transversal coa participación directa da Consellería de Sanidade e coa colaboración doutras consellerías da Xunta
• Terá un horizonte de acción para os próximos catro anos e recollerá iniciativa lexislativa e actuacións en materia educativa, sanitaria, sociolaboral e empresarial
• A Xunta espera consensuar o plan coas forzas políticas galegas para convertelo nunha actuación preferente da Comunidade e nun compromiso institucional cos cidadáns

O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Secretaría Xeral para o Deporte sobre sedentarismo e actividade física que prevé a elaboración dun Plan estratéxico para o fomento da actividade física e a creación dun Observatorio da práctica deportiva e a alimentación saudable baixo a marca Galicia Saudable. O plan, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, contará coa participación das consellerías con competencias en materia educativa, social, empresarial e económica, de transporte, urbanismo, etc., así como dos axentes deportivos e dos sectores implicados.

O obxectivo é frear a tendencia á alza dos índices de obesidade, que na última década se teñen triplicado en España e que, segundo os datos dispoñibles, consomen o 7% do investimento do Goberno en sanidade. De feito, segundo a Organización Mundial da Saúde, España é o país europeo con maior prevalencia de obesidade e sobrepeso infantil: o 38 por cento en nenos de 13 anos e o 26,3 por cento en nenos de idades comprendidas entre os 2 e os 4 anos. Ademais, segundo o Observatorio Español de Sostenibilidade (OSE), a taxa de obesidade entre menores de 24 anos é a máis alta de Europa. De cada 10 nenos e mozos, 4 padecen obesidade ou sobrepeso. A isto hai que engadir que só 4 de cada 10 españois (36 por cento), realizan algunha actividade física e só 2 de cada 10 a practican 3 ou máis veces por semana.

Ante isto, o Goberno galego considera necesario promover o hábito da práctica regular de actividade, consciente da importancia da súa práctica na infancia, principalmente no ámbito educativo e familiar (entre o 70 e o 80 por cento das persoas que practicaron deporte no pasado continúa facéndoo durante toda a súa vida). Por iso avoga por traballar nos ámbitos educativos e no estímulo ás familias para lograr a adquisición de hábitos saudables entre os máis pequenos, ao tempo de lograr estender a concepción do exercicio físico como unha ferramenta de saúde.


Un plan con horizonte para os próximos catro anos
Para conseguir este obxectivo, o Goberno galego elaborará o Plan galego para o fomento da actividade física e contra o sedentarismo, que terá un horizonte de acción para os vindeiros catro anos converténdose nun verdadeiro obxectivo político e institucional. A Xunta espera que este plan sexa consensuado coas forzas políticas que compoñen o arco parlamentario galego, co obxectivo de convertelo nunha acción preferente da Administración autonómica e nun compromiso institucional con cada un dos cidadáns, independentemente da titularidade do Goberno autonómico.

O feito de que o plan estratéxico parta da Presidencia da Xunta como elemento activo e vertebrador, e que integre o resto das consellerías con competencias en prevención, promoción e educación de saúde, será moi útil para acentuar o compromiso político e a vontade do actual Goberno en materia de promoción da práctica regular de exercicio físico e a adquisición de hábitos de alimentación saudable.

Plan transversal e Observatorio
O plan estratéxico incorporará intervencións e accións concretas en diferentes áreas que van desde o eido político, pasando polo educativo e sanitario, o propio de promoción ou as intervencións sistemáticas con programas específicos de actividade física.

Así, en materia lexislativa, desenvolveranse novas normas reguladoras e incentivadoras do estilo de vida saudable e a práctica regular de actividade física, como unha nova lei do deporte e a promoción da actividade física; normas que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral coa práctica de actividade física; normativa incentivadora do desenvolvemento de unidades de exercicio nas empresas, centros de saúde e de lecer, e outras que promovan a creación de espazos de actividade física nos plans de ordenación urbana, así como o acondicionamento e adecuación para a práctica de exercicio físico doutros espazos aproveitables nas cidades.

No eido educativo, poranse en marcha accións concretas de intervención en cada grupo de idade, con especial atención a unha acción estratéxica contra a obesidade infantil e o abandono da actividade deportiva na adolescencia. Buscarase ampliar as horas dedicadas á educación física nos colexios e mellorar a oferta de actividades deportivas, xerando sinerxías entre os centros educativos e os centros deportivos que garantan a práctica deportiva entre os estudantes.

O plan tamén promoverá liñas de colaboración entre os profesionais da sanidade e do deporte para conseguir a prescrición e recomendación de exercicio físico desde os centros de atención primaria, sobre todo na prevención, pero tamén na concepción do exercicio físico como parte do tratamento tanto nos centros de saúde, como para os pacientes ao obteren a alta hospitalaria.

En materia social, laboral e empresarial, o plan busca actuar no ámbito familiar deseñando iniciativas que promovan o deporte en familia e posibiliten compatibilizar a vida familiar e laboral coa ocupación activa do tempo de lecer. Así mesmo, tentarase implicar as empresas para que faciliten o acceso dos seus traballadores á práctica deportiva xa sexa en instalacións propias ou concertadas, xa mediante a oferta de información, programas de actividade física e recomendacións para a súa práctica.

Tamén se porán en marcha campañas de comunicación e concienciación en medios de comunicación, intervencións sistemáticas con programas de actividade e exercicio físico sobre colectivos determinados e proxectos de intervención lonxitudinal (3-5 anos de intervención sistemática). Buscaranse, ademais, ferramentas efectivas e claras para a chamada de atención e concienciación, elaborando materiais informativos, formativos e educativos estratificados por grupos de idade e xénero e tamén de xeito integrado e transversal sobre o triángulo familia-escola/actividade-contorno social.

Así mesmo, o Plan estratéxico recolle a creación do Obsevatorio da práctica deportiva e alimentación saudable como unha das súas principais ferramentas, que marcará o camiño a seguir para o óptimo desenvolvemento do plan, achegará os estudos e datos relevantes como punto de partida e definirá cualitativa e cuantitativamente os indicadores necesarios para facer o seguimento e a avaliación do plan e valorar e informar sobre os seus resultados e as actuacións que este xere.

Aproveitar o Xacobeo e a Presidencia Europea
O obxectivo do Goberno galego é aproveitar o impulso do Xacobeo 2010 para amplificar o impacto do Plan estratéxico para o fomento da actividade física na sociedade galega, así como a Presidencia Española da Unión Europea para a xeración de sinerxías, a adquisición de apoios e axudas para lograr unha sociedade máis sa e un estilo de vida máis saudable.

A Xunta é consciente de que este programa non permitirá observar os beneficios a curto prazo, pero espera que nun horizonte de dous anos xa se empecen a obter resultados, por exemplo, un aforro de 235 euros por participante e ano pola redución de baixas por enfermidade nas empresas.






A NOVA ESTRUTURA ORGÁNICA DA XUNTA REPRESENTA UN AFORRO ANUAL DE 6,8 MILLÓNS RESPECTO Á ANTERIOR ADMINISTRACIÓN

A estrutura orgánica do novo Goberno galego, que hoxe se completou coa aprobación da estrutura da Presidencia da Xunta, representa para as arcas públicas un aforro total de 6.860.071 euros anuais respecto á anterior Administración, segundo se reflicte nun informe elevado hoxe ao Consello da Xunta pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ao xa anunciado aforro de 3,7 millóns anuais que representa a supresión dos 52 delegados provinciais e a súa substitución por cinco delegacións territoriais, súmase o aforro correspondente ás estruturas orgánicas da Presidencia e das consellerías da Xunta, que é de máis de tres millóns de euros anuais.

Ademais da xa coñecida redución de 13 a 10 consellerías, dentro destas tamén se produce unha diminución nos cadros directivos, de tal xeito que o número de centros directivos –secretarías e direccións xerais- pasa de 79 do bipartito a 68 na actualidade, mentres que as subdireccións xerais se reducen de 239 a 218.

Este aforro súmase á redución media do 30 por cento nos gastos de gabinete das distintas consellerías respecto ao previsto polo bipartito, que se aprobou nun Consello anterior da Xunta e que permitiu pasar dos 7,2 millóns anuais que representaba o persoal eventual no anterior Executivo a 5,3 millóns na actualidade, un aforro de case dous millóns anuais que se dedica ao fondo de austeridade.

Deste xeito, sumando gastos da estrutura orgánica da Administración central e periférica e do persoal de gabinete, a nova Xunta representa un aforro de case 9 millóns de euros anuais respecto ao anterior Goberno, o que fai un total de 35 millóns de aforro durante esta lexislatura respecto aos pasados catro anos.

Estes recortes enmárcanse na política de austeridade e eficiencia posta en marcha polo novo Goberno galego na actual situación de crise económica.


A MEDIADOS DE XULLO O PLAN DE LOITA CONTRA O FURTIVISMO ESTARÁ ACTIVADO EN TODA A COSTA GALEGA

• Mañá comezará na Coruña despois de que a semana pasada quedase operativo na Costa da Morte
• O Goberno galego traballa para endurecer as penas contra o furtivismo

O plan de choque contra o furtivismo deseñado pola Consellería do Mar estará implantado en toda Galicia nun prazo dun mes. A semana pasada (o día 11 de xuño) quedou operativo na Costa da Morte e a partir do venres quedará activado na delegación territorial da Coruña, entre Ferrol e Caión, e posteriormente nas delegacións de Celeiro, Ribeira e Vigo.

Para acabar con esta práctica ilegal, a Consellería do Mar conta co apoio da Policía autonómica para reforzar o número de efectivos que patrullan os bancos marisqueiros. A finalidade é optimizar os recursos humanos e materiais dispoñibles para, en primeiro lugar, previr e concienciar da prohibición do acceso aos bancos marisqueiros por parte dos furtivos que acoden a eses lugares e, a partir de aí proceder ás incautacións. O fin é erradicar o furtivismo tanto interno coma externo.

Dentro deste plan, intensificaranse a vixilancia tamén nas cadeas de comercialización, polo que haberá controis en estradas, bares, restaurantes e peixerías entre outros.

Atendendo a unha das máis vellas reivindicacións do sector, a Consellería do Mar traballa para endurecer as penas contra o furtivismo. A única posibilidade é tratar de modificar o Código penal e establecer como falta o furtivismo, e a posterior reiteración desta, como delito.

O plan foi deseñado entre todos os axentes que participaron en sucesivas reunións, primeiro con responsables da Xunta e do Estado, e despois cos patróns maiores das confrarías. Despois chegaría o encontro en Muxía, a primeira das cinco zonas en que dividiu a Consellería do Mar os 1.300 quilómetros da costa galega. A medida que se celebran estas reunións nestes territorios, actívase o plan.

Desde que se coñeceu o ataque ás propiedades dos representantes dos percebeiros en Corme, a Consellería do Mar volcouse con esta zona, unha das máis afectadas polo furtivismo. Por iso o plan quedou operativo o pasado 11 de xuño na zona que comprende desde Malpica a Fisterra.

A Coruña será a seguinte zona en que o novo modelo botará a andar a partir do venres. Lugo será o terceiro en ter as patrullas vixiando a súa costa desde finais de xuño. Na primeira semana de xullo o plan activarase na zona de Ribeira e na segunda semana do mesmo mes no resto das Rías Baixas. Así, a mediados do mes que vén o plan de loita contra o furtivismo estará activado en toda Galicia.