Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa; o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, José Manuel Siso Bartomé; e o director de relación institucionais de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, presentaron hoxe a exposición “Saudarte, arte contra a droga” que entre o 22 de xuño e o 2 de xullo poderá ser visitada no Centro Social Caixanova de Pontevedra. No acto tamén participou a comisaria da mostra e mestra da facultade de Belas Artes, Almudena Fernández.
O obxectivo principal da mostra itinerante será divulgar entre a mocidade a arte como actividade de lecer saudable, fomentando a creatividade e a cultura como manifestacións enriquecedoras da persoa, empregando a arte como vehículo de sensibilización social fronte á problemática do consumo de drogas.
Nesta mostra poderanse contemplar obras realizadas por 18 alumnos de Belas Artes e tamén 20 traballos artísticos de persoas que quixeron participar de forma individual. Esta exposición albergará fotografía, pintura, instalacións etc.
José Manuel Siso considerou que “a arte e a cultura, xunto co deporte constitúen unha motivación para a mocidade, son unha ferramenta importante para aumentar a súa autoestima e evitar que sexan influenciados por certos colectivos”.
Pola súa banda, a comisaria da mostra, Almudena Fernández, salientou que os alumnos de Belas Artes participantes “implicáronse de forma especial con este proxecto”, comentou, así mesmo, que algúns destes exporán por primeira vez as súas obras. Con respecto ós traballos realizados Fernández puntualizou que “son obras pensadas para un lugar determinado e perderían o seu significado ó sacalas deste lugar”.
O representante de Caixanova, puxo de relevo pola súa banda, o interese amosado polos estudantes de Belas Artes que visitaron o edificio de Caixanova en varias ocasións para inspirarse. Tamén afirmou que “o ocio fácil non é sinónimo de ocio saudable, o ocio san require esforzo, dedicación e no caso dos artistas o estudo ”.
Finalmente, Teresa Pedrosa, destacou a importancia de unir esforzos entre as institucións e a sociedade para que entre todos podamos aportar un gran de area para axudar a aquelas persoas que nun momento determinado da súa vida non saben dicir que non e conducen a súa vida a un fondo do que moitas veces é complicadísimo saír”.
Entre todos temos que conseguir que cada día alguén deixe de engancharse a esa parte negativa da vida e se enganche a todo aquilo que produce satisfacción, neste caso a arte e a saúde.