
_______________________________________
Convenio Caixanova-Deputación
hará mejor todavía el Plan Cultural
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración a través do cal a entidade Caixanova destinará 300.000 euros ó financiamento do Plan Cultural 2009 e á posta en marcha doutras actividades na provincia.
O orzamento do Plan Cultural ascende a 550.000 euros dos cales 400.000 son achegados pola Deputación e 150.000 pola entidade financeira.
Os restantes 150.000 euros achegados por Caixanova serán investidos noutras accións como son por exemplo a organización de exposicións no Museo de Pontevedra; actividades de carácter cultural e científico; colaboracións de carácter editorial; proxectos de formación laboral e promoción do emprego; actividades para a promoción do deporte; e, entre outras cousas; accións dirixidas a potenciar a Escola de Canteiros.
O titular da Deputación agradeceu e puxo de relevo “a colaboración excepcional de Caixanova como socio estratéxico en accións tan relevantes como o Plan Cultural; as exposicións do Museo; ou iniciativa que posibilitará a adquisición de 80 vehículos para entidades sen ánimo de lucro sociais e deportivas”. Neste senso, Louzán recordou que “a día de hoxe son preto de 1.000 os grupos que participan no Plan Cultural con actuacións ó longo e ancho de toda a provincia”.
Promoción do emprego
Pola súa banda, Fernández Gayoso cualificou o Plan Cultural como “o máis amplo e mellor construído de Galicia” e aseverou que “isto non é froito da casualidade senón da planificación e do traballo”. O presidente de Caixanova destacou de forma concreta a Escola de Canteiros que considera “unha iniciativa única en España”.
Gayoso salientou que “a Deputación foi moi intelixente impulsando iniciativas como esta escola porque estou seguro de que as persoas que pasan por este centro non coñecen o paro”.
Finalmente, Julio Fernández Gayoso afirmou que dende Caixanova seguiranse apoiando iniciativas como o Plan Cultural pero puntualizou que “os novos fondos destinaranse a iniciativas vinculadas ó fomento de emprego e dos sectores produtivos”.. Sobre este respecto sinalou que “Caixanova ten a maior factoría de creación de emprego na Escola de Negocios que forma a 4.000 alumnos ó ano; no colexio de Formación Profesional e Industrial de Vigo; e na Escola para as Admministracións Públicas”. Sobre este respecto, asegurou que “nun momento de dificultades económicas como o que estamos a vivir, as persoas que están ben formadas teñen moitas posibilidades de atopar un emprego”.