Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou hoxe unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para pedirlle ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, que proceda canto antes a publicar a Orde ministerial de pago das axudas aos mariñeiros da frota de baixura afectados polos paros forzosos dictados polo Ministerio.
A deputada do BNG lembra que o 14 de abril o Pleno do Congreso aprobada unha proposición do BNG que instaba ao Goberno a “establecer con urxencia as Ordes Ministeriais correspondentes que permitan a imediata convocatoria de concesión de axudas aos tripulantes e armadores afectados pola paralización temporal das súas respeitivas frotas pesqueiras”. Unhas Ordes, puntualiza, que a pesar da súa urxencia se fixeron esperar, sobre todo, no concerniente ao pago das axudas aos mariñeiros.
Tardanza do Ministerio a pesar da urxencia
Porén, sinala, o BOE publicou recentemente a Orde para as axudas aos mariñeiros do Gran Sol, pero a frota de baixura que inclúe volanteiros e palangreiros, continúa á espera. Explica a deputada nacionalista que esta frota xa fixo o primeiro dos paros obrigatorios de 30 días en decembro de 2008. Despois o segundo dosa marres foi realizado entre os meses de marzo, abril e maio, e están a plantexar o mes de outubro para o terceiro dos paros.
“Pero a tardanza por parte da Administración central os está a levar a unha situación de desesperación. O Ministerio debería ter presente que se trata de moitas familias que precisan ingresos económicos e non poden afrontar máis meses de paro”, afirma Davila.
Por iso, indica a deputada do BNG, “sería pertinente que o Ministerio procedese de imediato a publicar a Orde de pago aos mariñeiros de baixura para que poidan percibir as axudas antes de ter que afrontar un terceiro amarre”.