05 junio 2009

El Bloque quiere detalles de cómo se hizo Citigroup con la AP-9

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que se dirixe ao Goberno para preguntarlle se puxo condicións para autorizar a venda de Itínere, propietaria de Audasa, ao banco estadounidense Citigroup.

“Que condicións ou requisitos puxo o Goberno para autorizar o pasado 29 de maio a venda de Itínere a Citi Infraestructure Investors, o fondo inversor do banco Citigroup?”, é unha das cuestións que Jorquera dirixe ao Executivo.

O deputado do BNG quer saber se o Goberno exixiu ao banco estadounidense garantías para que se leven a cabo as actuacións pendentes na AP-9. “En caso contrario, a que se debe tanta flexibilidade? Non cre que unha operación deste calado que afecta a varias autoestradas do Estado debería estar condicionada ao cumprimento dunhas condicións?”.

Cumprir a moción do BNG aprobada no Congreso

Jorquera tamén pregunta se os novos propietarios van estar sometidos a un prego de condicións a fin de ofrecer un servizo óptimo á cidadanía. Neste sentido, lembra a moción consecuencia de interpelación do BNG á Ministra de Fomento, que foi aprobada o 17 de febreiro, e na que se insta ao Goberno a “obrigar ás concesionarias das autoestradas de peaxe de Galiza, en particular á concesionaria da AP-9, a asegurar o cumprimento das obrigas establecidas no contrato de concesión”.

Asemade, a moción do BNG tamén emprazaba ao Executivo a “adoptar as decisións administrativas e orzamentarias necesarias para as distintas actuacións de mellora e ampliación da AP-9”.

Por iso, recalca Jorquera, debería vincularse a autorización da venda a que se asegure a realización das obras pendentes na AP-9 e á prestación dun servizo óptimo aos usuarios.
Reclamación dos concellos da AP-9 sobre os beneficios fiscais da autoestrada

Por outra parte, o parlamentar nacionalista tamén alude ao feito de que a AP-9 se beneficie desde 1972 dunha reducción do 95% na súa contribución urbana. Os concellos só poden ingresar un 5% desa contribución.

Neste tema, o deputado do BNG pón de manifesto que varios concellos galegos polos que pasa a AP-9 están decididos a presentar reclamacións para que lles devolvan o non pagado pola concesionaria. “Non cre o Goberno que se trata dunha reivindicación xusta que debería ser atendida? Non considera que o cambio de concesionaria é un contexto propicio para negociar o fin desa exención?”, son algunhas das cuestións que formula o deputado nacionalista.