O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de O Porriño denuncia, unha vez máis, a situación de total abandono do parque de Lindano por parte do goberno local. Xa fai agora un ano, os populares amosábanse indignados pola situación lamentable desta zona de ocio e recreo en Torneiros, de uso e disfrute de tódolos veciños da parroquia e do concello en xeral, que cada vez vai máis en aumento. “Trátase dunha mostra, de entre as moitas que existen, do abandono ó que este goberno está sometendo ós porriñeses”, sinala o voceiro popular Manuel Carrera; “este é o mellor reflexo da triste actuación do equipo de Francés, que se dedica a facer novas obras e a deixar de lado outras”, subliña Carrera.
Indignación dos veciños pola actuación do Concello
A situación está a supor a indignación dos veciños de Torneiros, xa non só polo estado no que se atopa esta área de ocio senón polo abandono que están a sufrir outras zonas da parroquia.
Manuel Carrera, visitou persoalmente o parque de Lindano e puido comprobar de primeira man os múltiples desperfectos cos que se atopa calquera viandante que pasea polas súas inmediacións. “Grava esparcida por todas partes, bancos con herba que atravesa as táboas que constitúen os asentos e que asoma por riba destas varios centímetros, vallas rotas e caídas, un parque infantil cheo de maleza, pistas de tenis con buracos, farolas rotas, lixo... e todo isto co perigo que supón para nenos e maiores que frecuentan o parque”, sinala o voceiro popular.
Esta non é máis que “unha das mellores imaxes de deixadez coa que está sendo tratado o municipio de O Porriño, gobernado por un equipo que en situacións como esta mira para outro lado”, asegura Carrera.
Neste senso, o Partido Popular de O Porriño insta ao goberno local a que tome as medidas necesarias para conservar o bo estado deste parque, “mantendo e velando por un servizo de moita utilidade para os porriñeses, que no seu momento supuxo unha infraestrutura de elevado custe e que agora estase a botar a perder”, conclúe Carrera.