VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
fixo público hoxe o cuestionario que se lles remitirá ás familias dos 330.000 alumnos galegos sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia. Con isto iníciase o proceso que concluirá coa derrogación do decreto de galeguización do sistema educativo non universitario da comunidade.
A esta consulta poderán respostar os pais ou os alumnos dos 1.490 centros educativos de toda Galicia e que será o punto de partida de cara ao consenso que a Consellería quere conseguir en materia lingüística. Os obxectivos son superar a conflictividade e solventar os problemas de legalidade suscitados polo anterior decreto e que mesmo foron sinalados polo Consello Consultivo de Galicia.
Con esta consulta, que forma parte do programa electoral refrendado pola maioría dos galegos, quérese coñecer a opinión das familias sobre as preferencias lingüísticas respecto do ensino non universitario e redefinir o marco normativo para garantir a plena competencia nas dúas linguas oficiais. Tamén se pretende a capacitación dos mozos e mozas no inglés.
Na rolda de prensa, na que ademais do Conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad participou o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fíxose fincapé no carácter voluntario e confidencial da consulta que estará aberta ata o día 19 de xuño. A partir desa data, a Consellería analizará os formularios a través dun sistema informatizado e posteriomente fará públicos os resultados.
O cuestionario consta de catro partes, cada unha delas adaptadas a un segmento concreto do sistema educativo –Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional. Nelas, ademais de preguntar sobre a preferencia lingüística respecto a materias troncais, libros de texto e exames tamén se pide opinión sobre a conveniencia de impartir materias en inglés. En todas as preguntas se ofrecen opcións plurais e non excluíntes, redundando no carácter aberto e integrador da consulta.
Procedemento
Os cuestionarios, que están impresos en galego e castelán, contando cun sistema de pegado autoadhesivo para que os datos queden ocultos serán remitidos ós directores dos centros entre o 8 e o 13 de xuño.
Unha vez cubertos serán entregados na secretaría do centro ou, no seu defecto, directamente ós equipos directivos. Os centros e a inspección Educativa velarán polo desenvolvemento correcto do proceso que terá de prazo ata o 19 de xuño. Unha vez cubertos os cuestionarios e os listados de participación, serán remitidos á Consellería onde un equipo habilitado para tal fin procesará os datos nun tempo estimado de 5 a 10 días, para facelos públicos posteriormente.
Dende o momento en que se teñan computados irase traballando no novo decreto para desenvolvelo e consensualo, co compromiso de que estea listo a finais de ano aínda a que a Consellería tentará que o proceso se reduza.
Vázquez Abad remarcou que a Consellería volcará toda a súa maquinaria para conseguir que o proceso se desenvolva de forma satisfactoria. Sinalou ademais que o feito de que o 100% dos pais teñan o cuestionario nas mans xa é un éxito para a Consellería de Educación e para a Xunta de Galicia, xa que posibilita que as familias de 330.000 escolares decidan en liberdade.