18 junio 2009

F-009 anuncia un plan de vivienda dotado con 400 millones

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA). O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, ao remate do Consello da Xunta, a aprobación dun ambicioso Plan de Vivenda 2009-2012, que comprometerá 400 millóns de euros de inversión directa durante os próximos catro anos. A medida ven a complementar a nova política de vivenda posta en marcha polo Executivo e xa manifestada a través de importantes rebaixas fiscais. “Este Plan de Vivenda é un paso máis na nova política de vivenda que iniciamos, como saben, cunha rebaixa fiscal do 50% dos dous impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda, o imposto de transmisións patrimoniais e o imposto de actos xurídicos documentados”, apuntou Feijoo antes de remarcar as metas prioritarias da nova inversión: “Hoxe aprobamos o Plan de Vivenda 2009-2012 cun dobre obxectivo. Primeiro, subvencionar en parte aos demandantes de vivenda, aos demandantes de fogar, aos cidadáns que están pendentes de poder adquirir unha vivenda; e en segundo lugar reactivar a un dos sectores máis afectados pola crise que é o sector da construción, o sector da promoción”.

Neste sentido, o rexedor autonómico quixo destacar a importancia dunha inxección que abordarán entre as dúas administracións, a central e a autonómica. “Cento trinta millóns de euros poralos a Xunta de Galicia; 270 millóns de euros virán do Ministerio de Vivenda”, explicou Feijóo. E proseguiu: “A estes 400 millóns se lle pode engadir, e se lle deben de engadir, as cantidades de subsidiación a tipo de interese que non están contempladas nesta cifra”.

Así, e grazas a este esforzo compartido, numerosas familias e colectivos da nosa comunidade poderán beneficiarse de modo directo desta axuda durante os próximos anos. Un apoio do que se aproveitarán “cincuenta mil familias” galegas e que suporá “un incremento do número de actuacións en materia de vivenda do 56% con respecto ao plan anterior”, pasándose de 33.000 actuacións a máis de 50.000. Con todas estas cifras, o Goberno autonómico prevé unha importante mellora no sector, agardando lograr a promoción de 13.780 vivendas protexidas de nova construción, que se dividen entre 9.000 para a venda e case 4.000 en alugueiro.

Ademais, o novo Plan de Vivenda 2009-2012 tamén disporá dunha importante cobertura en materia de inmobles baleiros, tal e como recordou o propio Núñez Feijóo: “Unha das novidades deste plan é que plantexamos axudas para a adquisición de máis de 1.000 vivendas baleiras e construídas. Os promotores que as teñan, sempre que xa transcorrera un ano desde a súa finalización, se poderán acoller a este plan de prezo taxado”. Neste sentido, as axudas, cofinanciadas tamén co Goberno de España e que buscan reducir o stock actual de vivendas baleiras, complementaranse con “actuacións en alugueiro, con máis de 3.200 axudas, e con máis de 29.000 actuacións en rehabilitación”. Sen esquecer tampouco a importante novidade que suporá a posibilidade de cualificar como protexida unha soa vivenda nun edificio, o unha soa vivenda nunha planta dun edificio xa construído e xa rematado

De cara a acadar un correcto cumprimento de todas estas actividades, a Xunta suplementará as axudas recibidas do Estado, tanto a nivel xeral como nas circunstancias que concirnen a determinados colectivos e grupos sociais. “Daremos 2.000 euros máis por adquisición de vivenda que o que financia o Estado neste plan. E tamén incrementaremos as axudas para determinados colectivos. Neste sentido, en vez de 2.000 euros, as familias numerosas con 5 ou máis fillos recibirán 4.000 euros. Elevaremos, tamén, as axudas especiais para inmigrantes retornados e para chabolistas no 25% do custe total da vivenda, ata 17.000 euros de axuda directa para adquirir unha vivenda”, subliñou Feijóo.

En definitiva, todos estes apoios configuran un ambicioso Plan de Vivenda 2009-2012 que xerará 40.000 postos de traballo en Galicia, e que logrará pór en circulación, de modo indirecto, preto de 3.000 millóns de euros. “Trátase dun plan ambicioso que ten un investimento total entre Xunta de Galicia, Administración do Estado, investimento inducido por promotores, e investimento de particulares, duns 3.000 millóns de euros, chegando a xerar 40.000 empregos”, concluíu Feijóo.

Un plan contra os lumes ambicioso nun escenario extremadamente difícil
Por outra banda, o xefe do Goberno galego resaltou a aprobación por parte do Consello do plan de loita contra os incendios forestais do ano 2009, o denominado PLADIGA, que está deseñado “coa máxima ambición posible” para un verán que se presenta como “extremadamente difícil”. Feijóo remarcou que o PLADIGA, aprobado logo da súa presentación aos distintos sectores, ten como criterios organizativos “priorizar a actuación nos núcleos de poboación e naqueles espazos protexidos integrados na rede galega de espazos naturais”.

Consonte explicou, este plan supón un reforzo dos medios e efectivos respecto do ano anterior, incrementando en 19 o número de parroquias con especial vixilancia, ata acadar a cifra de 341; subindo en 38 o número de brigadas de reforzo, é dicir que se contrata a 250 traballadores máis nas brigadas de reforzo; aumentando en 30 o número de vixiantes fixos na provincia da Coruña, onde a maior parte das torretas de vixilancia “estaban infradotadas”; e abrindo unha nova base de helicópteros na comarca de Valdeorras.

Detallou que, en total, o dispositivo do plan contra os lumes do ano 2009 terá máis de 6.000 persoas contratadas, 5.000 da Xunta e o resto dos concellos, a través dos grupos de intervención rápida e dos grupos locais de pronto auxilio, con máis de 1.100 efectivos. Ademais, inclúe 300 medios terrestres, 156 motobombas, 26 medios aéreos da Xunta, 8 do Estado e 4 das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Sobre este importante reforzo de recursos, Feijóo subliñou que “todo é imprescindible” na que cualificou como unha “dificilísima campaña”, na que os obxectivos do Goberno galego son “que o maior número de lumes non pasen de ser conatos, é dicir que o maior número de lumes non supere unha hectárea“, que “os incendios maiores de 25 hectáreas non superen o 2 por cento do total “ e “diminuír a superficie afectada nun 20% respecto da media dos últimos dez anos”.

O presidente da Xunta subliñou que o Goberno autonómico cumpre con este Plan “o compromiso” de reforzar o persoal sobre “o que nos atopamos cando tomamos posesión”, así como o compromiso de “tapar o burato que observamos con 4 millóns de euros adicionais”.

“Somos conscientes do maior risco, temos un risco máximo. Este vai ser un verán de alerta máxima, hai unha preocupación e unha ocupación do Goberno máxima”, resaltou Feijóo, quen lle solicitou á sociedade galega a máxima colaboración, a máxima prevención e a solidariedade de todos ante unha temporada de incendios extremadamente difícil”.

Plan de loita contra o furtivismo
Na súa comparecencia ante os medios, Feijóo resaltou a aprobación hoxe polo Consello da Xunta dun plan de coordinación para a loita contra o furtivismo na pesca e no marisqueo nas rías galegas, que estará operativo en todas a costa da Comunidade o vindeiro mes de xullo. Trátase, explicou, dun programa que pretende “concienciar” e actuar contra aqueles “que non cumpren as leis, os decretos, aqueles que están poñendo en risco os empregos dos mariscadores, dos mariñeiros, que si cumpren coa veda, coas capturas e cos tamaños”.

O presidente da Xunta apuntou que a semana pasada entrou en funcionamento o plan contra o furtivismo na primeira das zonas nas que se divide a costa galega, a zona da Costa da Morte e que a partir de mañá estará activo na área da Coruña (entre Ferrol e Caión), para posteriormente chegar ás costas de Celeiro, Ribeira e Vigo.

Entre as principais novidades deste plan, o xefe do Goberno autonómico resaltou que “recupera” o apoio, a colaboración e a implicación da Policía autonómica, que nos últimos anos estaba “desentendida deste compromiso”, pero que ten como “un dos obxectivos fundamentais axudar aos gardacostas e á inspección pesqueira a cumprir coas tallas, coas vedas e co límite das capturas”. Ademais, puxo en valor a “recuperación da implicación das confrarías contra o furtivismo”, e sinalou que estes dous apoios son “os dous piares básicos nos que nos imos apoiar para devolver a legalidade” a práctica extractiva nas rías galegas.

“Imos concienciar da prohibición de acceso aos bancos marisqueiros por parte dos furtivos, imos proceder a incautacións e imos intensificar tamén a vixilancia nas cadeas de comercialización e de distribución”, remarcou o titular do Executivo autonómico, quen apuntou tamén a busca da colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Un Goberno 40 millóns de euros máis barato
Alberto Núñez Feijóo referiuse tamén ao peche definitivo da estrutura da Xunta de Galicia, logo da aprobación do organigrama dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta. Deste xeito, explicou Feijóo que se puido coñecer o informe completo sobre o aforro que supón a confección dun Goberno galego máis reducido, que ascenderá a case 40 millóns de euros no conxunto da lexislatura.

Trátase, dixo, do “maior plan de austeridade presentado polas comunidades autónomas do Estado ata a data”, polo que enfatizou o esforzo que realiza a Xunta por funcionar con menos altos cargos e con menos persoal eventual. “Hai un enorme esforzo por facer un goberno austero” afirmou.

Resaltou que a Presidencia da Xunta se reserva tres materias transversais, as de igualdade, de novas tecnoloxías e de deporte, suprimindo ademais unha dirección xeral e cinco subdireccións xerais, así como un 40% do persoal de asesoramento e de gabinete. Polo tanto, enfatizou Feijóo, a Presidencia da Xunta será “máis barata, máis pequena e espero que máis eficiente que na lexislatura anterior”.

O presidente da Xunta resaltou que, en resumo, o Plan de austeridade, en relación coa estrutura do Goberno galego supuxo pasar de 13 consellerías a 10, cunha redución do 25%, reducindo á metade o número de altos cargos, exactamente o 47%. Ademais, subliñou o paso de 79 a 68 secretarios e directores xerais, a supresión de 52 delegacións provinciais e a súa substitución por só 5 delegacións territoriais. “Suprimimos 35 subdireccións xerais e xefaturas de servizo”, afirmou, e engadiu que se rebaixa nun 26% o persoal de gabinete”.

“Iso supón que o novo Goberno galego sae case 40 millóns de euros máis barato nesta lexislatura que o goberno anterior”, remarcou o presidente, sinalando que o Goberno galego cumpre “a palabra de reducir substancialmente os custos do goberno anterior”, facendo “un Goberno único, un Goberno máis pequeno e un Goberno máis coordinado”.



Inxección de 37,5 millóns de euros para fomentar a I+D
Alberto Núñez Feijóo fixo fincapé na aprobación hoxe polo Consello dunha inxección de 37,5 millóns de euros nos sectores económicos e produtivos galegos a través de subvencións a programas de I+D. Sinalou que se trata dunha partida de recursos moi importante neste momento de especial dificultade económica e que vai dirixida tanto ás empresas como ás universidades e aos parques tecnolóxicos.

Como novidades, o xefe do Executivo autonómico indicou que se adianta o 80% da contía das subvencións e, “de forma excepcional e por primeira vez, dada a situación financeira que atravesa España e que atravesa Galicia”, non se esixe aval ou garantía ás empresas adxudicatarias deste tipo de axuda.

Finalmente, Feijóo destacou o investimento de 7,5 millóns de euros en bolsas para universitarios e en programas para diminuír o fracaso escolar nos centros de educación primaria e secundaria. Por unha banda, explicou, o Consello aprobou dúas convocatorias de bolsas para rematar os terceiros ciclos e os máster universitarios, dotadas con entre 600 e 700 euros ao mes máis axudas na matrícula.

Por outra banda, subliñou o investimento, de maneira conveniada co Ministerio de Educación, de 6 millóns de euros en programas para “orientar, apoiar e reforzar o esforzo escolar tentando diminuír o fracaso escolar nas aulas galegas”. Ademais, resaltou que estes programas se amplían a 15 centros máis, co que se aplicarán 87 programas en centros de primaria e 85 en centros de secundaria.