17 junio 2009

F-009 quiere ponernos a todos a hacer gimnasia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O Consello da Xunta coñecerá mañá un informe da Secretaría Xeral para o Deporte sobre sedentarismo e actividade física sobre o cal se elaborará un Plan estratéxico para o fomento da actividade física e a creación dun Observatorio da práctica deportiva e a alimentación saudable baixo a marca “Galicia Saudable”. O plan, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, contará coa participación das consellerías con competencias na materia educativa, social, empresarial e económica, de transporte, urbanismo, etc., así como dos axentes deportivos e dos sectores implicados.

O obxectivo deste proxecto é frear a tendencia á alza dos índices de obesidade, que na última década se teñen triplicado en España e que, segundo os datos dispoñibles, consumen o 7% do investimento do Goberno en sanidade.

A Xunta considera necesario promover o hábito da práctica regular de actividade, consciente da importancia da súa práctica na infancia, principalmente no ámbito educativo e familiar. Por iso avoga por traballar nos ámbitos educativos e no estímulo ás familias para lograr a adquisición de hábitos saudables entre os máis pequenos, ao tempo de lograr estender a concepción do exercicio físico como unha ferramenta de saúde.

Un plan con horizonte para os próximos catro anos
Para conseguir este obxectivo, o Goberno galego elaborará o Plan galego para o fomento da actividade física e contra o sedentarismo que terá un horizonte de acción para os vindeiros catro anos, converténdose nun verdadeiro obxectivo político e institucional. A Xunta espera que este plan sexa consensuado coas forzas políticas que compoñen o arco parlamentario galego, co fin de convertelo nunha acción preferente da Administración autonómica e nun compromiso institucional con cada un dos cidadáns, independentemente da titularidade do goberno autonómico.

O feito de que o plan estratéxico parta da Presidencia da Xunta como elemento activo e vertebrador, e que integre ao resto das Consellerías con competencias en prevención, promoción e educación de saúde, será moi útil para acentuar o compromiso político e a vontade do actual Goberno en materia de promoción da práctica regular de exercicio físico e a adquisición de hábitos de alimentación saudable.