04 junio 2009

Feijoo anuncia que lo que ahorrará por un lado se lo gastará por otro...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Plan de austeridade deseñado polo Goberno galego permitirá aforrar un total de 143,97 millóns de euros, case 144 millóns (24.000 millóns de pesetas) que se reinvestirán nun plan de choque para a dinamización económica con tres piares: o fomento do emprego, o investimento produtivo e a aplicación da Lei de dependencia. Así o avanzou o máximo mandatario autonómico na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe lle deu luz verde a un programa de aforro que supón, en palabras do presidente, “cumprir coa palabra dada, acabar coa falta de rigor na concreción dos orzamentos do ano 2009 e mellorar as condicións en que o presuposto se enfrontaba á situación económica que estamos a vivir”.

Feijóo resaltou que o deseño do plan aprobado hoxe polo Consello da Xunta “non é unha decisión puntual”, senón que “a decisión de facer unha Administración austera e unhas políticas austeras vai ser unha decisión conxuntural para toda a lexislatura”. Así, engadiu que “todas as decisións que vaiamos adoptando durante toda a lexislatura estarán enfocadas desde o principio da austeridade”.

Nas súas declaracións, o xefe do Executivo autonómico afirmou que o plan de austeridade ten un dobre obxectivo, por unha banda “frear o crecemento inxustificado do gasto administrativo-burocrático”, e pola outra, “mellorar a recomposición do gasto para que sexa un gasto máis produtivo e que xere máis actividade económica e, como consecuencia, máis emprego”. Ademais, o presidente da Xunta deixou claro que “as políticas de austeridade non afectan en ningún caso á calidade da prestación dos servizos sociais, nin dos servizos sanitarios nin dos servizos educativos”.

Aforro por capítulos
Alberto Núñez Feijóo detallou que os 144 millóns de euros que se aforrarán co Plan de austeridade do Goberno nos Orzamentos do ano 2009 -un total de 24.000 pesetas-, supoñen incrementar nun 40% o aforro inicialmente previsto. Detallou que este programa de austeridade inclúe o aforro anunciado de 7,8 millóns de euros destinado a altos cargos, persoal de confianza e de gabinete.

En relación co aforro do capítulo II dos Orzamentos, concretou que se trata dunha supresión de gasto de 14 millóns de euros, dividida entre o aforro do 40% nos gastos de publicidade, de reunións e de conferencias, e unha redución do 11% no resto do gasto do capítulo II. Neste punto, Feijóo aclarou que “quedan consolidadas e garantidas as partidas destinadas ao transporte escolar, a comedores escolares, a transporte adaptado, a peaxe na sombra e todas as partidas destinadas a farmacia, farmacia hospitalaria e de receitas”.

O presidente da Xunta sinalou que no capítulo IV o Plan de austeridade prevé un aforro de 37 millóns de euros en “partidas de difícil execución que producen normalmente remanentes inexecutables”, e que no capítulo VI o aforro de 18 millóns virá da redución nun 25% das asistencias técnicas da Xunta de Galicia. Finalmente, avanzou un recorte de investimentos non produtivos por importe de 27 millóns de euros, e o aforro efectivo de 25 millóns de euros no capítulo VII.

Austeridade: un principio para toda a lexislatura
Feijóo insistiu en que a austeridade é un compromiso de Goberno para toda a lexislatura e avanzou que o Consello da Xunta aprobou hoxe a creación dunha comisión “para o estudo e aplicación de medidas de aforro en todas as consellerías, composta por todos os secretarios xerais das consellerías”. Ademais, informou de que o Goberno autorizou á Consellería de Facenda a establecer “sistemas de seguimento do control do gasto de determinadas partidas de persoal do Servizo Galego de Saúde, e, moi especialmente, para facer un control rigoroso da aplicación da Lei de dependencia, para que non nos atopemos con distintas cifras, con distintos datos e con buratos na Lei como nos estamos atopando neste momento”.

O presidente da Xunta sinalou ademais que as oito consellerías implicadas no deseño dun plan de choque para dinamizar a economía teñen “á súa disposición 144 millóns de euros, 24.000 millóns de pesetas, para buscar políticas para reactivar a economía, destinadas a parados de longa duración, aos problemas da Lei de dependencia e a políticas de fomento da economía produtiva”.

No marco do Plan de austeridade, o máximo mandatario autonómico detallou que a Consellería de Medio Rural pechou a súa estrutrua orgánica coa supresión de 6 xefaturas de servizo. Engadiu que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fixo o propio cun recorte de 7 millóns de euros previsto para toda a lexislatura, como resultado de eliminar dúas direccións xerais, 4 subdireccións xerais e 4 xefaturas de servizo, ademais de integrar toda a antiga Consellería de Vivenda e Solo no IGVS. Ademais, Feijóo subliñou a creación na Consellería de Medio Ambiente dunha
“unidade que imos coidar con especial interese”, a Subdirección Xeral de Seguridade e Inspección, como unha aposta por profesionalizar a seguridade viaria, por despolitizala e enchela de contidos técnicos.

O traslado das delegacións da Xunta no exterior, outro compromiso coa austeridade
No transcurso da súa intervención, o presidente galego remarcou que esta mesma liña de austeridade se aplicará ao funcionamento das delegacións da Xunta no exterior. Así, Feijóo adiantou que, tal e como tiña comprometido, o seu Goberno trasladará as delegacións da Xunta de Buenos Aires ás sedes dalgúns dos centros galegos “seculares”, que existen en ambas as dúas capitais “desde moito antes que as delegacións da Xunta”.

O máximo mandatario galego explicou que, tan só no caso de Buenos Aires, este traslado suporá rebaixar un 50% o total dos gastos da delegación, un 70% se se teñen en conta só os gastos da súa ubicación. “Imos aforrar un 50% do total de gastos da delegación, que ascendían a 860.000 euros ao ano”, afirmou o presidente da Xunta, quen anunciou a próxima rescisión do contrato de aluguer da sede do Goberno galego, que custa ás arcas públicas 45.000 euros ao mes.

Unha educación infantil flexible, non discriminatoria e que faga partícipes aos pais
O presidente galego destacou, tamén, a aprobación por parte do Consello da Xunta do currículo de educación infantil para nenos de 0 a 6 anos, un acordo que, segundo explicou, cubre un baleiro de “dous anos e medios”.

Neste sentido, Feijóo salientou que o currículo autorizado hoxe ten tres principios inspiradores: a flexibilidade, a non discriminación, e a corresponsabilidade. Así, o máximo mandatario galego asegurou que a flexibilidade permitirá aos centros atender á diversidade do alumnado galego, e que a non discriminación posibilitará que os nais e pais poidan elixir a principio de curso se os seus fillos reciben ou non ensinanzas relixiosas. “E, por último, falamos de corresponsabilidade porque sabemos que a educación non é só cuestión dos docentes, senón tamén das familias. Por iso habilitaremos cauces de maior participación a este nivel”, destacou.

O titular da Xunta anunciou, tamén no eido da atención aos máis pequenos, a prórroga do programa do cheque infantil, unha actuación que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades de prazas de gardería que existen na Comunidade. Neste sentido, Feijóo adiantou que, de cara ao curso que ven, se investirán 1,7 millóns de euros que financiarán 1.400 prazas.

Unha aposta pola Semana Verde de Galicia
Na súa comparecencia, o presidente galego destacou outros acordos tomados na reunión semanal do Consello da Xunta como a autorización dunha achega de 880.000 euros á Fundación da Semana Verde de Galicia; a aprobación de cinco acordos en materia sanitaria e de benestar polos que se financian programas de saúde mental infantil e xuvenil da área de Ferrol, e as actividades asociacións de axuda a ex alcohólicos e drogodependentes, por un total de 600.000 euros; a declaración do pazo de Liñares, en Lalín, como Ben de Interese Cultural; as obras de mellora da estación de bombeo do Temple, en Cambre; e a convocatoria de bolsas por un importe de 550.000 euros para que galegos residentes no exterior poidan cursar estudos universitarios ou de Formación Profesional na Comunidade. Feijóo salientou, tamén, a aprobación da declaración institucional do Goberno galego con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora mañá venres, e na que a Xunta formula o seu compromiso “inequívoco” cun desenvolvemento sostible.

En referencia á Fundación Semana Verde de Galicia, o presidente galego destacou que a Xunta busca reflotar financeiramente esta feira, pero, tamén, acadar o equilibrio financeiro interno da Fundación. “Non se trata de recibir subvencións da Xunta, trátase de recibir ingresos polas actividades do recinto feiral. Polo tanto, ímoslle dar un voto de confianza ao novo equipo da Semana Verde, ímoslle dar un voto de confianza ao plan de viabilidade presentado polo novo equipo, e imos buscar un equilibrio económico a medio e longo prazo para esta aposta polo sector agrogandeiro tan necesaria neste momento”, concluíu.