16 junio 2009

Feijóo anuncia un plan estratégico de infraestructuras para Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“Podemos e imos pensar nunha ambiciosa política de infraestruturas”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a nova política do Goberno galego neste eido se baseará na mobilidade, a seguridade, a sustentabilidade, a planificación, e a coordinación entre administracións. “Por iso, desde o Goberno galego estamos redactando un plan estratéxico de infraestruturas e mobilidade para o período 2009-2015, unha planificación que temos comprometida para os primeiros cen días de mandato”, explicou.

O máximo mandatario galego, que inaugurou esta mañá en Pontevedra un simposium sobre vías e obras da Administración local, amosou o seu interese por volver a situar as infraestruturas viarias “no primeiro plano de actuación”, e lembrou o período de desenvolvemento das infraestruturas galegas da década dos 90. “Temos que poñer en marcha unha nova planificación, pero que conserve aquel dinamismo e aquela eficacia á hora de abordas as comunicacións pendentes”, remarcou. Neste sentido, Feijóo afirmou que, ademais de proporcionar unha mellor mobilidade aos cidadáns, esta aposta suporá dinamizar a economía a través do investimento en obra pública e dotar a Galicia dunha maior competitividade. “Por iso, non nos podemos permitir carencias na rede de infraestruturas. Temos que aumentar o número e a calidade das infraestruturas e dos servizos pero tamén, e iso é labor da Administración, mellorar a coordinación e a planificación”, salientou.

O presidente da Xunta avogou por mellorar a coordinación entre administracións pero, tamén, entre sistemas de transporte. “É necesaria a coordinación para resolver problemas e evitar duplicidades. O usuario non se fixa se o titular da estrada é o Ministerio, a Xunta de Galicia, a Deputación ou o propio Concello. O usuario quere circular por estradas fluídas, que estean ben deseñedas e conservadas”, afirmou o presidente galego, quen lembrou que, coa chegada da Alta Velocidade, será necesario coordinar, ademais, “o ferrocarril coa estrada, co sistema portuario e co aeroportuario”.

A rede de estradas de Galicia, unha das máis extensas do Estado
No transcurso da súa intervención, o presidente da Xunta destacou o “caso paradigmático” da rede viaria galega dentro da española, e lembrou que a Comunidade ten máis de 30.000 núcleos de poboación, a metade dos existentes en España, ademais dunha das redes de estradas máis extensa do Estado, cun total de 17.477 quilómetros. “A lonxitude da rede galega de estradas case duplica tanto o promedio español respecto á ratio por superficie, como por habitante”, asegurou.

Así, Feijóo explicou que a rede de altas prestacións “é moi importante, pero insuficiente” e anunciou que o seu Goberno a incrementará, “contemplando importantes eixes” que “esperan o seu turno desde hai 4 anos”. Ademais, lembrou que aproximadamente un tercio da rede convencional que non é de alta capacidade é travesía, polo que se fai necesario “proporcionar á nosa rede non só a eficacia e a seguridade necesaria, senón tamén mellorar a habitabilidade dos nosos pobos”.

O presidente galego citou, por último, como terceiro gran eixe de actuación, a mellora da accesibilidade e da mobilidade nas cidades. Neste sentido, Feijóo asegurou que tanto o crecemento dos municipios limítrofes das grandes capitais como o aumento do número de coches provocou o esgotamento da capacidade das vías de comunicación, unha situación, ademais, agravada pola descoordinación administrativa. “Todas estas circunstancias fan que a planificación e a coordinación se presenten como ferramentas imprescindibles”, concluíu.