Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz do BNG na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego, Ana Luisa Bouza, demandoulle hoxe á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, “un compromiso na defensa e mellora da sanidade pública”.
A deputada nacionalista valorou positivamente as liñas xerais expostas esta mañá pola conselleira na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego pero botou en falta “unha maior concreción en asuntos que lle preocupan ao BNG”.
En concreto, Ana Luisa Bouza referiuse “á esixencia do cumprimento de dedicación única na sanidade pública; a reducción das listas de espera, e en concreto se se van derivar pacientes á sanidade privada; a defensa do dereito dos médicos á colexiación voluntaria; a redución do gasto farmaceútico mediante o impulso dos medicamentos xenéricos ou os plans da Consellaría a respeito das enfermidades profesionais”. Ademais, a deputada nacionalista reclamou o mantemento e impulso dos programas específicos de atención á muller como o destinado ás vítimas de violencia de xénero ou as unidades móbiles de exploración mamográfica.
“Na defensa da sanidade pública vai atopar o consenso do BNG”
Porén, Ana Luisa Bouza subiñou que “o BNG está disposto ao consenso, empezando pola defensa da sanidade pública, porque entendemos que é necesario que as políticas sanitarias vaian máis alá da lexislatura e da cor política e redunden en beneficio de todos os galegos e galegas”.