17 junio 2009

Feijóo promete su apoyo
al puerto exterior de A Coruña

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou hoxe o compromiso do seu Goberno co porto exterior da Coruña, unha “oportunidade”, “non un fin, senón un medio”, parte activa da recuperación económica. “Nos próximos anos temos unha oportunidade de ouro para darlle un impulso definitivo: a oportunidade chámase Porto Exterior e, se somos capaces de xestionala de forma axeitada, a dársena herculina poderá incrementar exponencialmente o seu servizo ao crecemento económico de Galicia”, remarcou.

O máximo mandatario galego, quen presidiu esta tarde na Coruña a toma de posesión de Enrique Losada Rodríguez como novo presidente da Autoridade Portuaria, salientou a importancia da complicidade de todas as administracións para “levar a bo porto, nunca mellor dito, este macroproxecto”. “Podo asegurar que a do Goberno galego non está en cuestión, se que herdamos un problema financeiro no porto pero aposto a que a condición de galego e de ex presidente da Xunta do actual titular de Portos do Estado será un plus de garantía para que tampouco falte o apoio do Goberno central”, engadiu.

O presidente da Xunta remarcou, aínda así, a necesidade de non descoidar o funcionamento e os plans dos peiraos actuais. “É necesario, ademais, reforzar a unión entre a cidade e Porto, como necesario é incrementar a coordinación entre todas as dársenas galegas, que deben relacionarse sempre desde a perspectiva de complementariedade, e non de competencia”, afirmou.

O Porto da Coruña, parte activa do proceso de recuperación da economía
O titular do Goberno galego avogou, neste sentido, porque o Porto siga sendo “o corazón económico da cidade e protagonista esencial do seu futuro”, e defendeu que este debe ser un “propósito compartido por todos: Xunta, Concello e Autoridade Portuaria”. “Temos que apostar pola coordinación para converter o Porto da Coruña en parte activa do proceso de recuperación que debe iniciar Galicia”, asegurou Feijóo, quen destacou que a pesar de que os datos xustifican a preocupación –o tráfico total do Porto descendeu nos primeiros catro meses do ano un 15,18% con respecto ao ano anterior-, “se os acompañamos dunha boa xestión, contamos con elementos para construír un futuro mellor”.

Feijóo aproveitou, por último, a súa visita á Coruña para referirse á candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade e salientou que a localidade naceu e se desenvolveu en torno ao porto e ao faro. “O único levantado en tempos do Imperio Romano que aínda segue activo. Toda Galicia quere da un empuxón final para conseguir que sexa Patrimonio da Humanidade. Queremos e podemos conseguilo”, concluíu.