Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O BNG quer manifestar a súa solidariedade coa mobilización protagonizada hoxe por milleiros de gandeiros galegos por causas absolutamente xustas. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego insta ao goberno do Estado e á Xunta a que “adopten as medidas que sexan necesarias para solucionar os graves problemas concretos que afectan ao sector”.
Nesta mesma liña, o BNG ten presentado iniciativas no Congreso dos Deputados, no Parlamento Galego e en todos os concellos do noso País para conseguir que o Estado reclame ante a UE unha renegociación das cotas lácteas que supoña un incremento para os estados deficitarios e un descenso para os excedentarios.
O nacionalismo galego reclama, asemade, medidas de control dos mercados, medidas que inclúan axudas directas aos produtores para compensar o baixo prezo do leite, en tanto non se consiga mellorar, para cubrir asi os custes de produción..
O BNG lembra tamén que a solución desta situación pasa pola garantía de recollida de todo leite aos produtores, asi como a garantía da continuidade da industria transformadora existente en Galiza.