Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- Un total de 23.983 traballadores de 241 empresas asentadas en Galicia participarán desde agora, e ata o próximo 30 de novembro, en distintos cursos formativos financiados pola Consellería de Traballo e Benestar, unha iniciativa na que se investirán 20,5 millóns de euros.
A finalidade principal destas accións é conseguir mellorar a capacitación profesional e a promoción individual dos participantes.
Así, a formación vai dirixida á reciclaxe e recualificación de traballadores dos cinco sectores estratéxicos en Galicia: téxtil, alimentación, madeira, construción e metal, preferentemente do sector da automoción. Tamén son beneficiarios outros sectores que, como consecuencia da crise, experimentaron unha perda de afiliación á Seguridade Social superior ao 1 por cento.
Os destinatarios das accións formativas son, de xeito prioritario, os traballadores ocupados das empresas seleccionadas, pero tamén poderán participar persoas desempregadas que mantivesen unha relación laboral coa empresa desde xaneiro de 2008.
No que atinxe ás accións formativas, en ningún caso terán unha duración inferior a 10 horas e terán un máximo de 250. A participación do traballador ocupado non poderá superar as 8 horas diarias.
Ademais, todos os cursos serán de carácter presencial e organizaranse en grupos dun máximo de 25 participantes.
En canto aos contidos das accións, estas poden ser de carácter máis específico (dirixidas ao posto de traballo actual na empresa beneficiaria) ou cun perfil máis xeral, o que incluiría coñecementos aplicables tamén a outras empresas ou ámbitos laborais.
Á hora de resolver as solicitudes das accións formativas, tiveron preferencia as empresas que non contaran con ningún expediente de regulación de emprego.