VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, reuniuse onte pola tarde na cidade olívica cunha representación municipal e veciñal do concello de Mos, encabezada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, que estivo acompañada por varios membros da corporación e por representantes da Plataforma Defende Mos.
Trasladaron a Agustín Hernández unha serie de inquedanzas con respecto á nova autovía de conexión Vigo-Porriño, o trazado do AVE e outras infraestruturas que afectan ao concello.
Tamén se abordaron os problemas existentes co polígono de Veigadaña, especialmente os relacionados co campo de fútbol de As Baloutas, o local social de Veigadaña, a urbanización da estrada desta localidade e o retranqueo de taludes. A este respecto, o conselleiro informou que a pesares de ser compromisos do anterior goberno, non deixaron nin dotacións presupostarias nin proxectos para realizar estas actuacións. Non obstante, tomou notas dos problemas e comprometeuse a buscar unha solución.