VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, asegurou hoxe no Parlamento que “non hai irregularidade ningunha” no comportamento do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, tal e como o acreditan dúas resolucións do Ministerio de Administracións Públicas, que determinan que “se atopa en situación de servizos especiais desde o 10 de febreiro de 2006”.
Fernández Currás precisou que, con data 24 de xullo de 2007, o Goberno central comunicoulle que ao conselleiro de Presidencia que, “respecto á súa condición de habilitado de carácter estatal, continúa en situación administrativa de servizos especiais, ca reserva da praza de secretario do Concello de Cambados (Pontevedra), de onde é titular”.
En resposta a unha interpelación do PSdeG, a conselleira de Facenda tamén lembrou que esta situación “ten, ademais, o amparo legal” no Estatuto Básico do Empregado Público, que dispón que os funcionarios de carreira serán declarados en situación de servizos especiais “cando sexan designados como persoal eventual por ocupar postos de traballo con funcións expresamente cualificadas como de confianza ou asesoramento político e non opten por permanecer na situación de servizo activo”.
Por iso, Marta Fernández subliñou que “é evidente que non se fixo ningunha utilización perversa da Lei da Función Pública” e “non hai ningunha irregularidade na actuación do señor conselleiro de Presidencia, nin tampouco ningún comportamento que non estivese amparado pola normativa vixente”.
A conselleira de Facenda salientou que o presidente da Xunta “velará polo cumprimento da legalidade vixente en tódalas actuacións que se produzan durante o exercicio do seu goberno”.