09 junio 2009

Dice la Xunta que aunque reajuste
el presupuesto, el gasto social es intocable

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, anunciou hoxe no Parlamento que o vindeiro día 26 de xuño estará operativo o reaxuste orzamentario da nova estrutura orgánica da Xunta para traballar cunhas contas adaptadas a tan só dez consellerías, cunha redución do gasto burocrático, máis eficiente e que lles custe menos aos galegos. “O gasto social é intocable, a crise non a pagarán os máis desfavorecidos”, garantiu.

Na súa intervención, Fernández Currás salientou que “en 50 días” o novo Goberno foi capaz de reducir un 45% os altos cargos, un 30% o gasto en persoal de confianza, un 40% os gastos de publicidade e un 11% o resto do gasto corrente.

A titular de Facenda asegurou que “o sacrificio que están a realizar todos os cidadáns demanda unha resposta eficaz por parte dos poderes públicos”, polo que engadiu que, a pesar de que o anterior Goberno viviu de costas á realidade económica, estrangulando a capacidade de reacción deste Executivo, a Xunta “actuará con determinación”.

Neste sentido, subliñou que “a primeira actuación ten un nome, chámase austeridade”, e precisou que isto “non vai supoñer mingua algunha nos servizos públicos”, senón que se caracterizará por xestionar mellor a un menor custe, tentando eliminar unidades redundantes ou duplicadas, de reducir altos cargos e a burocracia. “Trátase, en definitiva, de deixar de pensar en incrementar sen fin as estruturas administrativas e pensar máis no cidadán”, resumiu.

Como primeiro paso referiuse ao Plan de Austeridade, dotado con 144 millóns de euros de aforro, a maioría de gasto corrente, do que dixo que será “dinámico” e que se poderá revisar ao longo deste exercicio en función do comportamento dos ingresos. Para iso, apuntou que se crean comisións para o estudo e aplicación de medidas de aforro do gasto corrente.

A titular de Facenda insistiu en que as magnitudes do aforro do Plan de Austeridade distribúense en 7,7 millóns de euros do capítulo I referidos a gastos de persoal; 13,54 millóns de euros do capítulo de gastos en bens e servizos correntes; 37 millóns de euros do capítulo IV relativos a transferencias correntes; 18,4 millóns de euros en asistencias técnicas no capítulo VI, así como 42,4 no resto deste apartado; así como 24,9 millóns de euros no capítulo VII en transferencias de capital.

En canto ao destino deste aforro, reiterou que nos vindeiros días presentarase un Plan de Choque para a dinamización e reactivación económica e social. “Adianto que as prioridades xa están marcadas, a creación de emprego e as políticas sociais”, resaltou Marta Fernández Currás. Ademais, avanzou que se destinarán recursos a investimentos produtivos en infraestruturas e I+D+i, xerando aforro corrente para posibilitar o financiamento destas políticas.

A conselleira de Facenda concluíu que con este reaxuste orzamentario trátase de pasar da ideoloxía da dilapidación e a falta de rigor á ideoloxía da austeridade e a claridade nas contas públicas.