VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Por segundo ano consecutivo, a Xunta de Galicia pon en marcha un programa de axudas ós concellos para a apertura de centros educativos fóra do horario lectivo. Este programa de cofinanciamento no que participa tamén o Ministerio de Educación, posúe un orzamento de 2'95 millóns de euros e supón un importante esforzo a nivel económico e organizativo para ampliar a conciliación da vida familiar e laboral e avanzar nunha formación de maior calidade do alumnado.
As axudas inciden en catros liñas de actuación, enfocadas respectivamente ó apoio a actividades saudables e de habilidades persoais, á mellora do éxito escolar, á prevención e intervención ante o absentismo e abandono temperán dos estudos e, finalmente, unha última orientada a actividades de conciliación de vida familiar en períodos non lectivos.
Máis da metade dos concellos galegos participan na convocatoria, para o que tiveron que desenvolver obrigatoriamente un plan con actividades das tres primeiras modalidades, sendo a última opcional.
As axudas, destinadas ós gastos de persoal e material, teñen un dobre obxectivo. Por un lado, pretenden reforzar que a educación non é competencia exclusiva dos centros senón que requiren da implicación de toda a sociedade, tal e como establece a Lei Orgánica de Educación (L.O.E.). Por outra banda, quere contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, facilitando ós pais alternativas para os horarios e períodos non lectivos.
Participación dos concellos
Un total de 182 concellos galegos participaron na convocatoria deste ano aínda que cunha maior presencia de concellos coruñeses (64) e pontevedreses (46) respecto ás provincias do interior. Neste caso, participaron 42 concellos e Ourense e 30 de Lugo.
Este desfase advírtese mellor se os datos se analizan porcentualmente, xa que un 73% dos concellos de Pontevedra e un 67% de A Coruña solicitaron axudas, fronte ó 45'1% de Ourense e o 44'12% de Lugo.
No programa deste ano participan un total de 686 centros, dos cales 391 son centros de Infantil e Primaria, 163 institutos e 132 dependencias de concellos. Na presente convocatoria solicitáronse axudas para un total de 2219 actividades.
Descripción das modalidades
Dentro das actividades subvencionables da modalidade A -apoio a actividades saudables e de habilidades persoais- están incluídas a promoción de comportamentos adecuados nos tempos de almorzo e xantar e aquelas que reforcen a autoestima e autonomía persoal. O período de realización pode ser en horario anterior e posterior ó horario lectivo ou coincidindo cos tempos do comedor escolar e sempre dentro dos centros educativos. Estas actividades van dirixidas a alumnos de educación infantil e primaria.
En cambio, a modalidade B -apoio á mellora do éxito escolar- vai dirixida a alumnos de 3º ciclo de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria con problemas de aprendizaxe, ausencia de hábitos de traballo, escaseza de motivación ou con dificultades para recibir o reforzo necesario no seo familiar.
Os centros poden optar entre un amplo elenco de actividades sendo as máis solicitadas as aulas de acompañamento e reforzo, as de competencia lingüística (especialmente enfocadas a linguas estranxeiras) ou as de ámbito cultural e artística e competencia dixital.
A terceira modalidade, dirixida a mozos e mozas de 16 a 24 anos, pretende establecer accións ante dous dos maiores problemas ós que se enfronta ó sistema educativo, o absentismo e o abandono. Por un lado preténdese fomentar o éxito e por outro reducir as taxas de fracaso escolar, implicando neste obxectivo á familia e a toda a comunidade. Estas actividades poden desenvolverse tanto nos centros educativos como en locais que favorezan a asistencia do alumnado.
Por último, a modalidade D é a única enfocada a períodos non lectivos -vacacións e fins de semana- e inclúe actividades lúdico deportivas, de fomento da creatividade e de promoción da autonomía persoal estando destinadas a alumnos de educación infantil e educación primaria.
Un exemplo desta modalidade son os obradoiros de autonomía persoal nas que os nenos e mozos aprenden métodos de xestión de diñeiro, organización do fogar ou elaboración de solicitudes e reclamacións.