Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira da Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ven de convocar a patronal e sindicatos implicados na mesa de negociación do metal a unha reunión que ten como obxectivo que ambas partes se senten á mesa con “vontade firme” de pechar un acordo.
Tras realizar ao longo do día de hoxe numerosos contactos con empresarios e sindicatos, a titular de Traballo convocou un total de catro reunións que terán lugar no seu despacho de San Caetano. A primeira delas será mañá ás 17 horas co secretario xeral de Metal, Construcións e Afíns de UGT; ás 18 horas co secretario xeral de CIG metal, e ás 19 horas co secretario xeral da Federación de Industria de CCOO.
Pola súa banda, as cinco patronais, Asime, Atra, Foncalor, Instalectra e Feca acudirán a Santiago o próximo venres, ás 10 horas.
Desde a Consellería de Traballo lévase mediando “activamente” neste conflito desde o primeiro día, a través da presenza dos mediadores en Vigo e da delegada territorial da Xunta, Lucía Molares, senón cun seguimento directo das negociacións por parte da conselleira, quen en todo momento mantivo contacto con ambas partes, ao igual que o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá.
Tras os últimos acontecementos, desde a Consellería faise así un novo esforzo por acadar un acordo, polo que se pide ás partes implicadas que tenten tamén buscar o espazo de diálogo, pois esa debe ser a “tónica xeral” nunha negociación que neste momento precisa “urxentemente” unha solución.
Mato lembra que, Galicia non se “pode permitir” este tipo de conflitos abertos polo que apela ás partes a tentar superar as diferenzas, como xa se fixo en dous dos puntos da negociación e urxe unha maior vontade na mesa de diálogo para evitar máis perdas en sectores estratéxicos da nosa comunidade, sectores que nestes momentos de crise non poden ver mermada a súa capacidade e competetividade no mercado laboral.