VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .Con motivo da celebración do Día Internacional do Medio Ambiente, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe que o Goberno galego reorientará a política de saneamento das rías galegas, ante o fracaso da xestión do Goberno bipartito nesta materia.
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que visitou esta mañá á Edar do Concello de Baiona, sinalou que a actual Xunta está a facer unha diagnose da situación das rías galegas, que se presentará en breve, pero “xa se pode avanzar que están peor que hai catro anos”. Este fracaso “ten como paradigma as 17 actuacións de emerxencia de eliminación da contaminación bacteriolóxica postas en marcha polo bipartito. Delas, dúas nunca funcionaron, cinco están fora de uso nestes momentos, e as dez restantes presentan serias deficiencias”.
O cambio climático
Avanzou tamén que a actual Consellería de Medio Ambiente elevou a rango de subdirección xeral o seu compromiso de loita contra o cambio climático. Na mesma liña, presentará nos próximos meses a nova Estratexia Galega de loita fronte ao cambio climático, onde se establecerán as directrices xerais de cómo abordará Galicia este problema nos vindeiros anos. Asemade, a Consellería estuda a elaboración das guías de adaptación ao cambio climático cos diferentes sectores implicados; empresas, concellos, goberno e cidadáns.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas manifestou que se está a estudar a participación de Galicia no Cumio do Clima de Copenhague en decembro deste mesmo ano. Neste foro internacional definiranse as estratexias mundiais de loita conta o cambio climático para os vindeiros anos, que substituirán ás de Kioto. “Galicia non pode quedar á marxe desta importante cita”, considerou.
Prioridade absoluta
Reafirmou o seu compromiso de que o medio ambiente terá “prioridade absoluta” no deseño de todas as políticas, accións e actividades que se leven a cabo dende o departamento que dirixe. Gabou que a nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente reforzará o nivel de esixencia dos procedementos de avaliación de impacto ambiental dos proxectos públicos, e dos procedementos relativos á avaliación ambiental estratéxica dos plans e programas.
Argumentou que o carácter transversal da política de medio ambiente e a integración da mesma nas diferentes políticas sectoriais estará garantida polo reforzo e o impulso do Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible e pola potenciación do Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA), é dicir, polos mecanismos legais existentes, que garantirán a independencia e o rigor técnico de todas e cada unha das accións do Goberno galego, aclarou o conselleiro.
Hernández lembrou que unha das súas primeiras tomas de contacto -cando tomou posesión do seu cargo- foi coas asociacións ecoloxistas e de defensa da natureza, co obxectivo de poñerse a súa disposición para definir vías de colaboración en materia medioambiental. O responsable de Medio Ambiente avanzou que xa está a manter reunións con estas entidades coa fin consensuar proxectos en materia medioambiental.
Apelou ao importante papel dos cidadáns e os axentes sociais nestes procedementos, aos que prometeu o acceso a unha información exhaustiva e fidedigna do proceso planificador, tal e como esixe a normativa autonómica, estatal e europea.
Edar de Baiona
O titular de Medio Ambiente informou hoxe de que o Goberno galego financia con máis de 25 millóns de euros varias obras de saneamento do Concello de Baiona. Deste total, un 82% será para as obras de construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar). Esta actuación xa está moi avanzada e os colectores teñen unha porcentaxe de execución do 60%.
A actuación subvencionada por este departamento comprende a construción da estación depuradora en cabo Silleiro e a condución que levará ata a mesma as augas residuais. Esta infraestrutura hidráulica poderá tratar un caudal medio de 400 m3/h, cifra que pode chegar ata os 750 m3 no caso dos tratamentos biolóxicos. Asemade, o pretratamento poderá chegar aos 1.440 m3/h, e a diferenza entre esta magnitude e a capacidade do biolóxico será almacenada nun tanque de tormentas para episodios de chuvia de ata 3 horas.
Segundo explicou o conselleiro, a capacidade da planta, expresada en habitantes-equivalentes- é de 36.000 h-e, suficiente para un horizonte de 20 anos, tendo en conta que a poboación a 1 de xaneiro de 2008 ascendía a 11.976 habitantes e o forte aumento estacional.Por último, o conselleiro de Medio Ambiente salientou que o seu departamento tamén financiou as obras de emerxencia para a limpeza de leitos no neste concello por un valor total de 442.368 euros.