05 junio 2009

La Xunta se dedica a apagar
el fuego de los infundios

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .A Xunta de Galicia desmente as acusacións do grupo parlamentario socialista e considera que é “falso e irresponsable” falar do desmantelamento do servizo de prevención de incendios, así como do despedimento de traballadores. O Goberno galego salienta que “non se pode falar de despedimentos”, senón de remate de contratos por finalización da encomenda pola que foron subscritos.

O persoal laboral temporal está contratado para a execución das encomendas que as empresas adxudicatarias reciben da Administración. Isto trae consigo que, ao rematar a encomenda, finalice a súa relación laboral coa Sociedade e se incorporen ás listas de contratación da mesma ata unha nova contratación para outra encomenda.

O remate de moitos dos contratos ten que ver coa finalización das encomendas de xestión relativas á precampaña de loita contra os lumes, xa finalizada. O Goberno galego, lonxe de despedir a ninguén, contará de novo con boa parte destes traballadores, que se atopen nas listas de contratación da empresa, para reforzar os medios de prevención e extinción de incendios no verán, cuxas bases son de coñecemento público.

Polo tanto, a Xunta cualifica de “falso e irresponsable” falar de “desmantelar” os servizos de prevención de incendios, posto que o Executivo galego herdou un sistema de organización de loita contra os lumes que non comparte, pero vai facer fronte á campaña deste verán con todos os medios dispoñibles.

O operativo do 2008 non abonda
En relación coas críticas formuladas polo BNG sobre a acción política do goberno na loita contra os incendios, a Xunta está a facer un esforzo para adaptar os medios ás necesidades que se presentan, porque considera que o operativo de 2008 non abonda para garantir un servizo axeitado nun verán cunha climatoloxía normal, en canto a escaseza de precipitacións e temperaturas elevadas.

Para o Goberno galego resulta evidente que nos dous últimos anos o risco de incendios foi menor, e polo tanto ese dispositivo si podía cubrir as necesidades, pero non garante unha resposta axeitada diante dun verán caloroso e seco.

En canto á planificación da loita contra os incendios forestais, a Xunta quere salientar que neste ano o operativo non será, en ningún caso, menor que o de períodos estivais con climatoloxía normal. Tendo en conta os prognósticos meteorolóxicos para este verán, cómpre subliñar que o operativo non se está nin moito menos a desmantelar, senón todo o contrario, estase a reforzar. De feito, é intención do Executivo autonómico é amplialo na medida das posibilidades orzamentarias.

Por outra banda, hai que lembrar que a Xunta ten que asumir, ademais, as débedas herdadas do bipartito no que atinxe aos gastos extra da precampaña de loita contra o lume deste ano, que roldan os 1.600.000 euros.