VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A tres semanas do comezo do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ao programa de concertos do festival engádenselle agora as actividades de Imaxina na Rúa, Jazz na Noite, pasacalles o ciclo de mesas redondas e dúas clases maxistrais impartidas por dúas figuras clave no jazz e na música de vangarda: o guitarrista Fred Frith e o trombonista Nils Wogram. Redondéase dese xeito a programación do festival, promovido pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, que se desenvolverá do 25 de xuño ao 5 de xullo, pero que empeza a quentar motores o sábado 6 de xuño cos entusiastas músicos da orquestra “A Tempo” de Pontevedra que tocarán por varias rúas e prazas da cidade ao longo do día. O mapa de Imaxina Sons esténdese xa a toda cidade.
O obxectivo de Imaxina na Rúa é precisamente levar a música ao espazo público da man de formacións integradas na maioría dos casos por novos artistas. “A Tempo”, dirixida por Miguel Angel Rodríguez, e integrada tamén por afeccionados con idades entre os 13 e 55 anos, actuará en diferentes recantos da cidade o 6 de xuño tocando standards de jazz e blues; o 20 de xuño, sábado, serán as e os integrantes da ensamble da Escola municipal de Coruña, dirixida por Jose A. Acuña, os que porán en práctica o traballo cotián nas aulas no estudo de música moderna e do jazz.
Na rúa haberá música dabondo durante o festival. De feito, o mesmo día de inauguración, o xoves 25 de xuño, comezan os pasacalles de Papa Swing, que se encargarán de animar rúas e prazas de Vigo até o domingo 28 en diferentes horarios. Na semana seguinte, do 2 ao 5 de xullo será a fanfarria catalana Always Drinking Marching Band a que anime a cidade co espectáculo La Calle es Nuestra, toda unha declaración de intencións para unha formación composta por dez músicos e un clown.
Co inicio do festival, o xoves 25 de xuño, comeza tamén a programación de Jazz na Noite, na que o escenario do festival son os clubs de jazz da cidade. Os locais que participan nesta rede son o Xancara Jazz, Contrabajo e Quomo que acollerán os concertos de Swing Session Quintet, Paco Dicenta Jazz Qüartet, U-lo Trío?, Dorian Gray Quartet, Organic Collective e Ángeles Dorrio Cuarteto. As formacións incluídas no capítulo máis noctámbulo do festival Imaxina Sons abranguen diferentes estilos e formatos como o jazz rock, vocal e flamenco; da reivindicación do crooner despregada polos Swing Session Quartet até a explosion funk de Organic Collective.O papel dos locais de jazz da cidade ten sido fundamental desde os inicios de Imaxina Sons , que reserva para estes espazos unha programación que durante os días do festival estende o seu horario até entrada a madrugada.
Clases maxistrais, libros e conversa
Co obxectivo de cubrir todos os ángulos posibles, o festival ten apostado desde a súa primeira edición por darlle un lugar ao contacto directo entre algúns dos artistas convidados e aquelas persoas interesadas como músicos profesionais, estudantes e afeccionados. As clases maxistrais desta quinta edición veñen da man de dúas figuras do jazz e da música de vangarda: o británico Fred Frith e o alemán Nils Wogram. O guitarrista Fred Frith, que participa no festival dirixindo a orquestra de Música Espontánea de Galicia (Omega) o domingo 28 de xuño no conservatorio e a dúo coa cantante improvisadora Lucia Recio o luns 29 de xuño no MARCO, impartirá a súa clases maxistrais o día 30 de xuño no conservatorio. Unha oportunidade para compartir achádegos cun dos mestres da experimentación sonora. Tamén no conservatorio o virtuoso do trombón Nils Wogram fará o propio o día 4 de xullo. O músico alemán, nacido en 1972, é unha das novas figuras do jazz europeo e nesta edición de Imaxina Sons –participou na primeira co seu grupo Root 70- integra a formación de Lucas Niggli cun concerto o sábado 4 de xullo no teatro Salesianos. As dúas clases maxistrais están abertas a todas as persoas interesadas até completar aforo. A organización do festival recomenda inscribirse a través da web do festival www.imaxinasons.com.
O programa do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons conta ademais cun espazo para presentacións e mesas redondas nas que conversar e polemizar ao redor do jazz e que terán lugar os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo ás oito e media da tarde. O luns 29 será a saxofonista e percusionista Chefa Alonso a que presente o seu libro Improvisación libre. La composición en movimiento. Integrante habitual da Omega, estará acompañada na mesa polo pianista e compositor Agustí Fernández, un dos nomes clave da música contemporánea española que actúa no festival ao día seguinte. O martes 30 os críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí (RNE) e Javier de Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio 3 continuarán coas súas Anécdotas jazzísticas, iniciadas no festival o pasado ano. Para pechar este ciclo, o mércores 1 de xullo e tendo como pretexto a quinta edición de Imaxina Sons, organízase unha mesa redonda na que se analizará o papel dos festivais no ámbito jazzístico.
Con estas actividades queda pechado o programa definitivo do festival, que se inaugurará o vindeiro xoves 25 de xuño ás 22.00h co concerto do saxofonista norteamericano Charles Lloyd na sala de concertos do Centro Cultural Caixanova, na que será a súa única actuación na península. Co seu cuarteto presenta Rabo de Nube, o traballo máis recente dun músico que pasa por ser o primeiro artista de jazz en vender un millón de discos con Florest Flower, directo en Monterrei en 1966, e o primeiro jazzman norteamericano en dar concertos pola Unión Soviética nesa mesma década. As entradas para este concerto, como para o resto das actuacións de pago do festival, pódense adquirir desde o 1 de xuño en www.caixanova.es ou no teléfono 902 504 500.