VIGO/PONTEVEDRA (morrazo-tribuna) .- A Xunta lamenta que o PsdeG tente levar a confusión á cidadanía acusando ao Goberno galego de rebaixar os orzamentos destinados á contratación de desempregados cando desde a Xunta estase a facer un “grande esforzo” para paliar a situación das persoas sen emprego como así o amosa a primeira medida do plan de choque presentada polo presidente da Xunta, que porá trinta millóns de euros máis no mercado laboral galego.
Por tanto, é preciso lembrarlle ao partido socialista que os orzamentos destinados para o plan de cooperación cos concellos eran “exactamente” 34,8 millóns de euros, unha partida coa que se poderá contratar desde a próxima semana a 3.900 persoas que estén desempregadas que poderán acceder a un contrato de entre tres y doce meses ao abeiro dunha orde xa resolta.
Pero, ante a situación que están a vivir 4.000 desempregados en Galicia que teñen esgotada a súa prestación, acaba de anunciarse unha nova partida orzamentaria de 30 millóns de euros destinada a fomentar o emprego entre este colectivo, é dicir entre aquelas persoas sen traballo que neste momento xa non teñen subsidio de desemprego algún.
Se ben é certo que o instrumento para por eses 30 millóns adicionais no mercado é similar ao incluido no plan de cooperación cos concellos, xa que as contratacións faranse en colaboración con estas entidades e outros organismos locais, hai que subliñar que se trata dunha partida que suma e que non resta como pretenden facer crer os socialistas galegos.
Estase a falar, polo tanto, de dous plans diferentes, tanto en tempo como en destinatarios, xa que o plan anunciado hoxe ten como principias destinatarios un dos colectivos máis castigados pola crise, a de aqueles parados que remataran as prestacións, que en total suman 4.000 persoas. A elas vai dirixida esta nova medida que se incluirá no plan de choque contra a crise que está a rematar o Goberno galego.
Esta nova medida estará recollida nunha resolución que xa está elaborando a Consellería de Traballo e que nuns días será publicada con fin de que estes cartos poidan estar dispoñibles para iniciar os convenios con concellos e outras entidades locais “coa máxima celeridade posible”.