VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reiterou hoxe na súa primeira comparecencia no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta de Galicia para atender aos grandes dependentes galegos, unha área prioritaria, dixo, para todo o Goberno, que deberá reformular os orzamentos para “encher o burato” deixado polo bipartito.
Así anunciou que se procederá á modificación do decreto que regula os procedementos de valoración e resolución das axudas da Lei de Dependencia co fin de axilizar os trámites para lograr que desde a petición ata a resolución de PIA (Plan de Atención Individual) non pasen máis de seis meses.
Deste xeito, explicou Mato, conseguirase que o Estado efectúe antes o pagamento á nosa comunidade autónoma.
Mato fixo este anuncio tras criticar a herdanza do bipartito no que respecta aos dependentes, cun “incumprimento flagrante” da lei. Así, indicou Mato, o Goberno anterior deixou unha situación “moito máis grave” do anunciado, con máis de 31.000 galegos e galegas en situación de gran dependencia, datos que amosan unha realidade: “que o bipartito agochou a máis de 15.000 grandes dependentes dentro dun armario para non recoñecer o fracaso da súa xestión”.
Esa ocultación, dixo Mato, non será a forma de actuar do actual Goberno que terá que facer “un esforzo orzamentario” para afrontar unha “complicada situación” derivada do “fracaso” de xestión do bipartito, así como a súa falta de suficiencia financeira, unha práctica que os nacionalistas fixeron en “conivencia” co ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
A Lei de Dependencia, subliñou Mato, está no “debe” do bipartito e non no “haber”, aspecto que obriga á Xunta a dar solución a un “burato financeiro”, cunhas contas, dixo, que “non son nosas” e que teñen demostrado “ser insuficientes”.
Mato parafraseou ao político Abrahn Lincolm ao advertir á oposición que “se pode enganar a moita xente durante pouco tempo, pero non se pode enganar a moita xente durante moito tempo”, que foi o que tentou facer o bipartito “cunha mentira que se volveu contra eles”, asegurou.
Hoxe “o certo é que hai 31.747 galegos e galegas en situación de gran dependencia” e con dereito a recibir prestación, dun total de 77.445 solicitudes rexistradas, explicou. Pero, o Goberno galego cumprirá o seu compromiso de atender aos dependentes e de axilizar a tramitación da lei, mostra diso é que en 50 días desde a toma de posesión, incorporáronse 9.000 solicitudes e deuse resposta a 2.800 grandes dependentes.
Reformulación do Consorcio
A titular de Benestar anunciou a reformulación do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para convertelo, dixo, nun “instrumento de cooperación solidario” coas administracións locais e “despolitizalo” porque, asegurou Mato, os servizos sociais “non poden entender de política”. Por iso é preciso garantir que os investimentos cheguen aos concellos á marxe da cor política que teñan, destacou.
“A coacción, a chantaxe política e a presión, son palabras que deben desaparecer do vocabulario do novo Consorcio.” Dese modo, “será posible avanzar na xestión conxunta dos servizos sociais”, avogou a titular de Traballo e Benestar quen criticou que se utilizase este instrumento como “unha axencia de colocación” a favor do bipartito.
Mato reiterou o compromiso do seu departamento coas familias, para as que nesta lexislatura porá en marcha diferentes medidas sociais e que permitan a conciliación, eido no que se primará a atención aos maiores a través do Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013, un proxecto que debe facer “dos nosos maiores suxeitos activos da sociedade do benestar.”
No eido da Xuventude, Mato anuncio unha próxima reunión da Comisión Interdepartamental de Xuventude, que engloba aos representante de todas as consellerías da Xunta de Galicia que teñen competencias ou intereses en materia de mocidade. Este órgano, indicou, reuniuse por última vez con Manuel Fraga á fronte do Goberno, o que “amosa a atención do bipartito aos nosos mozos e mozas”.
Así mesmo, anunciou o Instituto da Xuventude de Galicia (INXUGA), como un organismo autónomo, con personalidade xurídica propia, que contará cos “medios e persoal axeitados” para seren destinados exclusivamente ao desenvolvemento e xestión da política da xuventude en Galicia.
En materia de voluntariado comprometeu a total implicación desta Consellería na elaboración do Programa de Voluntariado para o Xacobeo 2010, que contemplará distintas actividades, que “de seguro” colmarán as expectativas de colaboración da nosa sociedade en tan importante acontecemento.
O Consello Galego de Diálogo Social
No eido laboral, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento porá en marcha o Consello Galego de Diálogo Social. O seu obxectivo, explicou, é “institucionalizar a concertación social”.
Este órgano será de carácter permanente e permitirá un diálogo “fluído e estable”, sen estar suxeito “a caprichos dun ou doutro goberno”. As súas tarefas serán, entre outras, aprobar e seguir os acordos de concertación social, así como crear comisións e mesas de traballo para os distintos ámbitos de diálogo.
Deste xeito, esta iniciativa inscríbese na meta fixada por Mato de converter o diálogo social “na gran ferramenta” contra a crise, un instrumento “útil e eficaz” para facer fronte á “complicada” conxuntura económica actual.
Precisamente sobre a crise económica, a titular de Traballo fixo especial fincapé nas “preocupantes” cifras do paro, xa que a taxa interanual aumentou nun 32,2 por cento no último ano, é dicir, hai 50.739 desempregados máis que hai un ano. Ante esta situación, Mato comprometeu “todos os esforzos” do seu departamento para frear o paro e para, tamén, promover a estabilidade e reducir a precariedade laboral.
Neste sentido, Mato recordou que “a primeira política social é o emprego” e lamentou que durante os catro anos do bipartito só se crearan 6.000 afiliados máis á Seguridade Social.
Na área laboral, a titular de Traballo tamén se referiu aos datos “negativos” dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), dos que se levan presentados 438 no que vai de ano, o que deixa a 10.129 traballadores afectados. Con todo, destacou que o 93 por cento dos expedientes que foron aprobados en 2009 contaban co acordo da empresa e dos traballadores.
Mato avisou de que o seu departamento será “escrupuloso” na resolución dos ERE porque “non van ser a porta de atrás para desfacerse de traballadores”, senón que deben ser unha ferramenta para o contrario: para conservar emprego e as empresas.
Ante esta situación laboral, o Goberno galego porá en marcha un plan de choque, con medidas a curto prazo para crear emprego. Este proxecto, impulsado pola Consellería de Traballo, conta coa participación de oito departamentos autonómicos e está xa nunha fase “moi avanzada”. Polo tanto, será presentado nun prazo “breve” aos axentes sociais, que serán os primeiros en coñecer as medidas, tal e como comprometeu a conselleira.
Xa a medio prazo porase en marcha o Plan Autonómico de Emprego 2009-2013, que potenciará a inserción laboral.
Ademais, desde a Consellería levaranse a cabo outras iniciativas como a modernización do servizo público de emprego, para achegarse ao cidadán, ou como a creación do Observatorio Galego da Igualdade de oportunidades no emprego.
A conselleira tamén adiantou que se crearán “espazos de innovación” para empresas e xoves emprendedores mediante a reserva de solo en polígonos industriais.