A competición terá lugar o vindeiro sábado 13 de xuño a partir das 17.30 horas no peirao de Vilaxoán. Será a primeira proba de traíñas no calendario do 2009 e segundo informou Sotelo “fixouse para estas datas para que puidesen participar todos os clubs da provincia”. Participarán os clubs de Meira, Tirán, Coruxo, Chapela, Vilaxoán, Cangas, Mecos, Amegrove, Náutico Vigo e Bueu.
Esta é unha das probas máis atractivas do calendario que se celebra na provincia. A nivel económico estará dotada con 12.000 euros e os premios oscilarán entre os 1.200 e os 500 euros en función da clasificación.
Segundo explicou Diego Suárez, técnico do club organizador, a composición das quendas realizarase en función da clasificación da liga galega. O percorrido será de 5.556 metros divididos en catro longos de 1.389 metros e tres ciabogas. Haberá dúas tandas con cinco embarcacións en cada unha delas.
O presidente do Club de Remo Vilaxoán salientou que o esta entidade deportiva traballa de forma intensa na formación dende a base “onde estamos cumprindo obxectivos e acadando logros”. Este ano, por exemplo, “cinco remeiros de base pasarán a competir na liga de traiñeiras co equipo senior”. Feliciano Suárez afirmou que para levar adiante esta labor o apoio da Deputación xoga un papel importante “que contribúe a facer realidade o soño destes deportistas”.
O deputado de Deportes, José Enrique Sotelo destacou finalmente a “necesidade de apoiar aínda máis a liga galega de traíñas para evitar a fuga dos mellores deportistas a outras localidades”. Neste senso, recordou que “moitos remeiros profesionais da provincia pasan a competir en equipos do País Vasco onde existe unha tradición moi forte neste deporte”.