MOS (MORRAZO-tribuna) .- O goberno mosense fai pública a cifra definitiva da débeda acumulada polos exdirixentes do bipartito : A cantidade que deixaron sen pagar ascende a máis de catro millóns e medio de euros
Un total de 4.539.833,53 euros brutos é a cantidade total que o anterior equipo de goberno municipal mosense deixou a deber, segundo informou a alcaldesa, Nidia Arévalo, esta mañá. A rexedora local especificou que “de estes máis de catro millóns e medio de euros, 1.237.727,98 euros corresponden á débeda do ano pasado recoñecida no presente 2009; 120.749,54 euros son de facturas, tamén do ano pasado, pendentes de recoñecer e presentadas con posterioridade no Concello ata o día de onte; e os 3.180.833,53 euros restantes son os que había contabilizados e pendentes de pago con data de 31 de decembro de 2008”.
Ademais a alcaldesa comunicou que “o bipartito gastou 77.300 euros máis dos que tiña presupostados en actividades culturais que a concelleira Sandra Temes tivo que asumir con cargo ó seu orzamento para Cultura do 2009”. Neste sentido e, “tendo en conta todo do que teñen que avergoñarse os exdirixentes deste municipio”, Arévalo extráñase de que “critiquen as iniciativas culturais deste ano facendo referencia ós gastos en publicidade de programas como Mos Alegre, por exemplo, aportando ademais datos que son falsos como os 15.000 euros que din que custou promocionar dita iniciativa; polo que retamos ós que nos atacan a que presenten facturas que demostren que esta acusación é certa e instámoos a que denuncien temas de máis peso, se os atopan, xa que cos datos do endebedamento no que deixaron sumido ó Concello enriba da mesa, calqueira crítica súa semella irrelevante”, insiste.
Pagos xa realizados
Durante o que vai de ano o actual goberno municipal pagou gran parte da débeda acumulada polos antigos dirixentes do Concello. Nidia Arévalo informou esta mañá de que “dos máis de catro millóns e medio de euros en facturas impagadas xa levamos pagados 3.066.106,04 euros líquidos, quedándonos tan só por liquidar, a data de hoxe, 1.332.974,71 euros procedentes das débedas contraídas antes de que nós chegaramos ó goberno de Mos”.