MOS (MORRAZO-tribuna) .- A Alcaldesa anunciou hoxe que o evento será financiado íntegramente entre Deputación, Xunta e Caixanova. Nidia Arévalo fixo pública esta mañá a boa nova de que o concerto do popular grupo de pop español, El Sueño de Morfeo, lle sairá gratis ás arcas municipais gracias á colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, que aportará un total de 15.000 euros, da consellería de Cultura que apoiará a iniciativa con outros 15.000 euros; e da caixa de aforros galega, Caixanova, que subvencionará os 10.000 euros restantes.
A rexedora local lembrou que o concerto celebrarase este venres, día 12 de xuño, ás 23.00 horas no campo de fútbol de Guizán. Os accesos ó citado campo estarán sinalizados dende tres entradas ó municipio, que serán Puxeiros, Mos e Porriño.
Arévalo explicou que “este concerto é moi importante por varias razóns, en primeiro lugar porque lle suporá un custe cero ó Concello, en segundo lugar porque completa a diversidade do programa musical que levamos desenvolvido en Mos dende comenzos de ano: só hai que lembrar ós grupos de rock Baldosa Amarilla e Daga de Dos Puntas que tocaron en Noites Vivas, ou a actuación da cantante folk Uxía con motivo do Día das Letras Galegas; e en terceiro lugar porque un grupo da categoría de El Sueño de Morfeo atraerá a moito público procedente doutros municipios dando a coñecer a Mos e potenciando a nosa imaxe de cara ó exterior para que, deste xeito, ‘o concerto da Rosa’ chegue a converterse nun referente ó igual que o son os de Castrelos, en Vigo, durante as Festas do Cristo”.
Para concluir, a Alcaldesa mosense engadiu que “coa subvención total deste concerto estamos a demostrar que este goberno é capaz de xestionar e conseguir para Mos eventos de gran importancia e calidade polo mínimo custe”; e finalizou anunciando que “nos vindeiros días iremos avanzando máis datos sobre o custe total das que están a ser as mellores e máis ambiciosas festas municipais de Mos, xa que seguimos a negociar subvencións coa Xunta de Galicia e outras administracións públicas para que o gasto que lle supoñan ó Concello sexa o mínimo”.