VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) quere denunciar de xeito contundente a actitude violenta de individuos incontrolados que, durante as protestas do metal en Vigo, lanzaron artefactos e foguetes contra os traballadores dos medios de comunicación e que provocaron dous feridos, un deles cámara de Tele 5 con queimaduras polo estoupido dun foguete no seu corpo.
Unha minoría que apunta aos xornalistas
Segundo puido corroborar o SXG por boca de afiliados que foron a cubrir esta manifestación, algúns dos manifestantes atacaron deliberadamente aos informadores. "Son poucos, a maioría respecta a nosa labor, pero sempre hai algún incontrolado que pensa que somos como a Policía e nos guinda pedras, parafusos e mesmo foguetes", apuntou un membro da Executiva.
O SXG púxose en contacto co Comité de Empresa dos traballadores do metal tras este ataque contra os xornalistas para pedirlles explicacións polo acontecido.
Versión dos comités do Metal
Dende este órgano aseguráronlle que "en ningún momento se quere atacar" aos informadores e que "lamentan profundamente" o acontecido. Anunciaron que esta mesma tarde, en rolda de prensa, pedirán, novamente, aos traballadores que respecten o traballo dos profesionais da información cos que se solidarizan.
O SXG valora este xesto, así como que teñan apoiado as protestas levadas a cabo por este sindicato en contra da precariedade laboral nos medios de comunicación, pero demanda unha maior contundencia cos traballadores incontrolados que deciden atacar aos xornalistas.
O SXG, entendendo e solidarizándose coas demandas dos traballadores do metal, non pode aceptar que se ataque de xeito indiscriminado aos profesionais da información.
Críticas á actitude da Policía
Ademáis, o SXG critica tamén a actuación da Policía que segundo os membros deste sindicato actuou de xeito "errático" e mesmo "provocativo". Por iso, pídelle á Delegación do Goberno unha actuación "mesurada", así como a protección dos xornalistas, cámaras e fotografos que están a cubrir esta manifestación.
O SXG está en contacto cos traballadores afectados e xa lles brindou o seu apoio e solidariedade así como os recursos deste sindicato para o que necesiten.