PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do libro “O monumento ós heroes de Pontesampaio e o seu contorno”, da autoría de Roberto Taboada Ribadulla e Arturo Hermida Samartín. Este título pertence á Colección “Helenes”, na que figuran entre outros “Las calles de Pontevedra”, “Historia del Hospital de Pontevedra”, “Pontevedra club de fútbol. Cincuenta alos de historia”, “Sociedad Deportiva Teucro. Cincuenta años de historia”, “A vella moureira”.
O libro, con encadernación rústica e 157 páxinas, céntrase na homenaxe ós heroes de Pontesampaio a través dunha serie de fotografías e noticias; móstranos a evolución da cidade de Pontevedra, o monumento e o espazo onde se asenta dende hai tantos anos.
Fai un percorrido en imaxes pola historia e o contorno do monumento; dende as ruínas de Santo Domingo, a Alameda, a avenida Montero Ríos, o Concello, a Deputación provincial, rúa Echegaray, cuartel de San Fernando, rúa das Palmeiras, o Goberno civil… Imaxes cedidas polo Arquivo Histórico da Deputación, o Arquivo Padre Gaite, o Diario de Pontevedra, Camilo Gómez, L. Roisin, Pintos, Tomás, Vidal e Zagala.
No acto de presentación desta publicación, o presidente da Deputación salientou a importancia de manter viva a memoria dos veciños de Pontesampaio e de Pontevedra que se rebelaron contra o invasor francés “porque representan a defensa da democracia, da convivencia e da tolerancia que rexeitaban a imposición, a submisión, o sometemento”. Louzán afirmou que “representan o concepto de cidadanía que despóis recollería a constitución de Cádiz de 1812”.