09 junio 2009

Puyazo del BNG al PSOE en la valoración de resultados de las europeas

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicou esta tarde en rolda de prensa despois da reunión da Executiva Nacional que o órgano dirixente do Bloque “valorou o resultado obtido como modesto, pero non desprezábel” polo que indicou que “estamos moderadamente satisfeitos porque cumprimos o noso obxectivo”.

Vázquez lembrou que o BNG “non tiña representación na Eurocámara e agora teremos a posibilidade de estar neste foro”.

O número un do nacionalismo galego referíuse tamén á situación na que se enmarcaron estes comicios e indicou que “non queremos dicir que sexa unha escusa, pero o campo de xogo non foi igual para todos”, en referencia ao bipartidismo que se incrementou aínda máis nestes comicios.

Malia todo, o portavoz nacional quixo deixar claro que “se alguén foi capaz de trasladar a súa mensaxe á sociedade galega foi o BNG”, ao tempo que indicou que, segundo a avaliación feita pola Executiva, a perda de votantes padecida onte foi á abstención.

“A fórmula da coaligazón coa que concorremos revelouse como útil”, continuou o líder nacionalista, “acertamos coa fórmula que eleximos e asi se demostrará coa nosa presenza en Bruxelas”.

“Mantemos a nosa convicción de sermos moi diferentes ás opcións das outras forzas políticas”, explicou.



Enquisa sen valor

O segundo tema máis relevante abordado hoxe na reunión da Executiva Nacional foi a decisión de adherirse a todas as iniciativas que se leven adiante para rexeitar a enquisa sobre a lingua que o goberno dirixe aos pais de alumnos e alumnas.

“É unha consulta trampa inaceptábel”, afirmou Guillerme Vázquez, “tanto na forma como no fondo e o único que pretende é xustificar unha política plantexada de antemán polo PP. Só pretenden seguir dando pasos atrás na política contraria á normalización lingüística. É un auténtico disparate”.

O portavoz nacional indicou que “non cremos que esta enquisa teña ningún valor e o único que vai crear son tensións nos centros de ensino e na sociedade”, concluíu.

Resposta ao PsdeG-PSOE

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a avaliación que o líder do PsdeG-PSOE fixo hoxe sobre os resultados dos comicios para o Bloque, Guillerme Vázquez advertíu de que “leccións aos demais, as xustas”.

Nesta liña quixo lembrar que o proceso interno do BNG tivo un altísimo grao de democracia interna, con 2.500 delegados e delegadas, en contraposición co Congreso do PsdeG-PSOE, “un proceso tutelado desde Madrid polo señor Blanco”.