18 junio 2009

Rectifica la Xunta sobre la depuradora para Vigo pero reconoce que no tiene cuartos...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou hoxe que a depuradora de Vigo é nestes momentos a prioridade fundamental da Xunta de Galicia en materia de saneamento. Nunha rolda de prensa na que presentou o plan de medidas urxentes para mellorar a calidade das augas nas rías galegas, volveu a insistir en que o obxectivo do seu departamento é que a obra poida licitarse no prazo mais curto posible, “e para elo púxemonos en contacto tanto co Ministerio de Medio Ambiente como coa Confederación Hidrográfica para asinar o antes posible un convenio que permita desenvolver o proxecto, mellor mañá que pasado”.

Lembrou que a aportación da Xunta para este proxecto é de 115 millóns de euros, “pero a realidade é que o Goberno actual atopouse cun orzamento de 5 millóns de euros en 2009 que non tiña ningunha outra plurianualidade comprometida, así como cun borrador de convenio que establece un financiamento que para a administración hidráulica galega é imposible de cumprir”.

Neste sentido, amosou o certificado do Servizo de Xestión Orzamentaria do organismo autónomo Augas de Galicia, que marca o límite legal de endebedamento ata o 2013 nun máximo de 36 millóns de euros. Ante esta situación, a Consellería de Medio Ambiente solicitou ao presidente da Confederación Hidrográfica a posibilidade de diferir o pago da Xunta en mais plurianualidades.

A Consellería está á espera da contestación do Goberno central. Non obstante, Agustín Hernández lembrou que o borrador do convenio negociado polo bipartito establece que Acuanorte, organismo estatal que se encargará da licitación e a execución da obra, “poderá acudir aos mercados financeiros para obter créditos de tesourería que permitan financiar os desfases temporais entre os pagos e os cobros das fontes de financiamento”. A solicitude da Consellería de Medio Ambiente alude a esta cláusula, “polo que entendemos que non debería existir ningún problema”.