Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Secretaría Xeral de Política Lingüística sumouse, por primeira vez, ao Voluntariado Lingüístico Galego, en calidade de entidade asociada. O programa, que se desenvolverá o vindeiro curso académico, consiste nun proxecto que promove a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, para fomentar a aprendizaxe da lingua e da cultura galegas entre os estudantes con bolsas Erasmus na comunidade.
A Secretaría Xeral achegará ao programa contidos para a formación dos voluntarios e mais diverso material de apoio, como guías de conversa ou dípticos informativos. Así o acordaron onte nunha reunión de traballo Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística; e mais os vicerreitores da USC José M. Mayán e Agustín Merino, na que analizaron as liñas de actuación do programa para o vindeiro curso.
O Voluntariado Lingüístico Galego busca fomentar o coñecemento e o interese dos estranxeiros pola realidade sociocultural da comunidade, así como da lingua galega, á vez que introduce o elemento do voluntariado. O programa desenvólvese dentro do marco do Volangteer, unha iniciativa da Comisión Europea que promove o estudo dos idiomas rexionais e ao que tamén está adherido Frisia, que fomenta a aprendizaxe do idioma frisón.
Parellas de conversa
A dinámica de aprendizaxe do Voluntariado Lingüístico Galego establece que o voluntario e mais o beneficiario conversarán sobre temas previamente establecidos e en distintos ambientes, como pode ser o teatro, unha visita cultural ou un espectáculo deportivo. Deste xeito, o Voluntariado Lingüístico Galego busca empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.