VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que en catro semanas estará listo un programa “con datas e orzamento” para acometer un plan que aborde os problemas urxentes coas novas tecnoloxías dos xulgados galegos. Entre outras medidas, o plan inclúe a renovación do parque ofimático obsoleto.
En declaracións aos medios de comunicación tras participar na Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o titular de Presidencia do Goberno galego avanzou que o plan de medidas para potenciar as novas tecnoloxías que xa anunciara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contará cunha primeira fase que abordará nun prazo de catro semanas os problemas máis urxentes.
Así, xunto ao cambio do parque de ordenadores –cuxa última renovación xeral se fixo no 2004-, procederase tamén a solucionar os problemas existentes ao respecto dos sistemas informáticos cos que traballan os xulgados, que condicionan as marchas dos procesos e poden provocar retrasos. Ademais, Rueda fixo incidencia na necesidade de “darlle máis formación ao persoal dos xulgados” para que non teña problemas no uso dos programas.
Ademais do plan de novas tecnoloxías, cuxa segunda fase será a medio prazo e será presentada ao longo deste ano, os representantes da Comisión Mixta tamén abordaron a controversia xurdida despois de que se coñecese que o anterior Goberno bipartito enviou unha carta ao Ministerio de Xustiza pedindo o cambio dun Xulgado de Familia por un do Mercantil.
Cambio de Xulgado de Familia por Mercantil
O conselleiro de Presidencia recordou que na reunión da Comisión Mixta TSXG-Xunta do pasado mes de outubro estableceuse como unha prioridade a creación dun novo Xulgado de Familia para Vigo. Posteriormente, e de xeito unilateral, a consellería solicitou o cambio desta unidade xudicial por outra do mercantil, o que “trouxo como primeira consecuencia que Vigo perdera ter ese Xulgado de Familia”.
Nese sentido, Alfonso Rueda recordou que o Xulgado do Mercantil ten ámbito provincial e aínda “non está decidido onde se vai implantar, queda a expensas da decisión do Consello Xeral do Poder Xudicial”.
Fronte a esta situación, o conselleiro comprometeuse a “non tomar decisións ao marxe do órgano que ten que tomalas” e asegurou que de aquí en diante a consellería non volverá a tomar decisións unilaterais á marxe do acordado pola comisión mixta, tal e como lle pediron os representantes do poder xudicial.
Finalmente, o conselleiro destacou que a Xunta está disposta a facer todos os trámites e adoptar as partidas necesarias para crear novas infraestructuras xudiciais na Coruña, Vigo e Pontevedra, “coa condición de que os concellos poñan os terreos”. “En ningún caso eses concellos puxeron a disposición da consellería os terreos para facer as infraestructuras”, das que dixo que son necesarias pero imposibles de acometer se non hai terreos para ubicalas.