VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, xa explicou en detalle no pleno do Parlamento, o pasado 19 de maio, o desfase orzamentario herdado do anterior Goberno, cifrado en 1.200 millóns de euros, e a súa intención de reducir ao máximo os gastos non produtivos e priorizar actuacións estratéxicas.
O conxunto dos departamentos da Xunta están tratando de facer fronte a unha situación que non creo este executivo, senón o anterior, que inflou os ingresos para este ano en 648 millóns de euros e asumiu compromisos por 500 millóns de euros que non contan con respaldo orzamentario.
En calquera caso, e aínda que esta situación condiciona a toma de decisións, a Consellería de Facenda reitera que este desfase financeiro non servirá de escusa e cambiará a forma de xestionar os recursos, desde a orzamentación á execución, para ter un mellor control e ser máis eficiente.
O compromiso é manter o esforzo inversor e o apoio aos sectores sociais e produtivos, seleccionando os investimentos estratéxicos, cun Plan de Austeridade, dotado de 144 millóns de euros e aprobado onte polo Consello da Xunta, para poder implantar un Plan de Choque con medidas de reactivación económica e de emprego.
Así, pois, o obxectivo da política orzamentaria da Consellería de Facenda será a eficiencia pública das contas públicas e acabar co despilfarro na Administración.