13 julio 2009

"Castaña de Galicia" ya es referencia de origen...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, xunto coa directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon Rego, asistiron este mediodía ao acto de presentación da Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, que tivo lugar no Hotel NH Obradoiro de Santiago de Compostela.

O Consello Regulador reuniuse, por primeira vez, nun acto oficial trala aprobación da IXP “Castaña de Galicia”, por orde do 5 de febreiro de 2009 da Consellería de Medio Rural. O acto consistiu na presentación da Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia” e do seu Consello Regulador, coa presenza do seu presidente Jesús Quintá García e representantes do sector produtor, do sector industrial de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e do sector industrial de industrias de procesado. Finalmente, convidouse aos asistentes a unha degustación de produtos elaborados a base de castañas.

A Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia” resérvase aos froitos obtidos a partir dos cultivares autóctonos do castiñeiro europeo, destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. Os froitos dos castiñeiros amparados teñen un sabor doce e de textura firme e non fariñenta. O ámbito xeográfico de produción da IXP Castaña de Galicia comprende a área do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopa delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte. Abrangue varios concellos das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra ademais da totalidade dos de Ourense.

Cultivo do castiñeiro
A introdución do cultivo do castiñeiro en Galicia está relacionada coa chegada das lexións romanas durante a época de Augusto como emperador de Roma. Os soutos estendéronse de forma considerable durante todo o período de romanización, constituíndo un dos elementos máis importantes da paisaxe natural e, concretamente, da paisaxe agraria galega. Na comunidade galega, o castiñeiro sufriu unha forte expansión nos séculos XVI e XVII, dando lugar á aparición de numerosas variedades autóctonas que se caracterizaban por unha maior adaptación aos ambientes de montaña.

A castaña constituíu unha alimentación básica e primordial, sobre todo entre o campesiñado. Hoxe en día, as tendencias culinarias non se restrinxen ás simples castañas asadas, cocidas e confitadas. A castaña figura como un dos ingredientes máis apreciados polos grandes cociñeiros, converténdose nun elemento imprescindible en multitude de receitas.