11 julio 2009

Comienza la campaña del voluntariado en defensa del Monte gallego

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A campaña do voluntariado en defensa do monte galego, organizada pola consellería de Traballo e Benestar e a de Medio Rural, deu comezo hoxe. As actividades desta iniciativa prolongaranse ata o próximo 20 de setembro. O seu obxectivo é desenvolver unha “vixilancia disuasoria” naquelas zonas onde exista un “maior risco” de incendio.

Así o explicaron hoxe os directores xerais de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o de Montes, Tomás Fernández-Couto, que visitaron dúas das comarcas nas que terá lugar esta campaña: o Baixo Miño e O Carballiño. En concreto, os representantes de ambas consellerías presentaron o programa en Tui e en San Cristovo de Cea.

A campaña está financiada cun total de 265.824 euros, achegado a partes iguais polos departamentos de Traballo e de Medio Rural

Trátase dun proxecto de educación ambiental multidisciplinar, que ten como fin “involucrar á sociedade na construción dun medio rural sostible”. Os voluntarios que participen na defensa do monte galego exercerán unha vixilancia disuasoria, unha función que sempre será complementaria á dos corpos profesionais.

Ademais de no Baixo Miño e O Carballiño, os voluntarios tamén se despregarán noutras catro zonas durante o verán: Mariña occidental-central, Mariña oriental-central, Terra de Lemos e Barbanza. Estas seis áreas foron delimitadas por Medio Rural por ser consideradas de “alto índice de risco de incendio”.

Todos os voluntarios dispoñerán de elementos identificadores homologados pola Dirección Xeral de Montes, así como de diverso material para poder realizar as súas tarefas de vixilancia preventiva e de apoio.

Polo que respecta ás súas funcións, serán, entre outras, a de detectar lumes para dar aviso, disuadir aos incendiarios e transmitir información sobre o estado do medio rural. Tamén se ocuparán de informar á poboación sobre os riscos das queimas e, no caso de lume, de informar aos equipos de intervención dos puntos máis rápidos para acceder ao lugar do suceso, así como a auga.

A inscrición para participar pode facerse a través do teléfono de Voluntariado (900.400.800) ou por medio da páxina web www.voluntariadogalego.org. Pola súa banda as persoas encargadas da coordinación deste proxecto recibirán un curso de formación que comezará o próximo luns e que se prolongará ata o venres, a xornada previa ao inicio da campaña.