11 julio 2009

Hernández dice que -ahora que gobierna el PP- Sogama va a funcionar como es debido...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou hoxe na súa visita as instalacións da empresa pública Sogama en Cerceda que “co novo goberno da Xunta iníciase unha nova etapa na xestión da planta que ten como obxectivo optimizar o seu funcionamento e poñer fin aos problemas que se viñeron acumulando nos últimos anos”.

Declarou que en seis meses estará listo o esquema de xestión de residuos de Galicia que está preparando a consellería, e que marcará os pasos a seguir nesta lexislatura. “Sogama seguirá sendo un dos piares do novo plan de residuos sólidos urbanos, e para elo será dotada de novas infraestruturas que permitan dimensionala adecuadamente para solucionar á saturación actual”, explicou.

Hernández realizou un percorrido polo complexo medioambiental de Cerceda, acompañado polo novo presidente de Sogama, Luís Lamas; polo secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; e polo secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Fernández. Entre outras instalacións, inspeccionou a Planta automatizada de selección de envases lixeiros, a Planta de Elaboración de CDR (Combustible Derivado de Residuos), a Planta de Coxeneración e a Planta Termoeléctrica onde se procede á valoración enerxética.

Novos vasos de vertido
Coa fin de ampliar a capacidade do actual vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, o conselleiro explicou que a Sociedade ten en proxecto a construción de dous novos vasos de vertido. A curto prazo abordarase a construción do vaso 1, que sairá a licitación a vindeira semana, e que terá un volume bruto de 258.300m3, o que equivale a unhas 163.000 toneladas de residuos urbanos. O custo desta actuación é de 1.400.000 euros, e o seu prazo de execución de catro meses.

A continuación procederase coa execución o vaso 0, con capacidade para albergar aproximadamente 179.000 toneladas. Con estas dúas infraestruturas incrementarase a capacidade do vertedoiro nunhas 342.000 toneladas. Aínda que, na situación actual, o vertedoiro de Areosa estaría colmatado en 5-6 meses, cos dous novos vasos ampliarase a vida útil do mesmo en aproximadamente un ano mais.

De forma paralela, e ante a carencia de terreos no propio recinto, a entidade atópase traballando nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a fin de proceder á súa ampliación.

Nova balsa de pluviais
Na actualidade estase a construír tamén a nova balsa de pluviais, a terceira coa que conta a planta. A súa función é a de aumentar a capacidade total de retención de augas pluviais no vertedoiro, garantindo así unha correcta clarificación pola decantación dos sólidos en suspensión, posibilitando o seu vertido á canle pública.

Nestes momentos estase realizando á escavación da balsa, e posteriormente procederase á súa impermeabilización. Estará finalizada nun prazo de entre 2 e 3 semanas. Dispoñerá ademais dunha rede de captación de augas subterráneas debido a que o nivel freático da zona é alto.

Datos
A planta medio ambiental de Sogama ocupa unha superficie de 65 hectáreas e ten capacidade para tratar arredor de 550.000 toneladas de residuos sólidos ao ano, aínda que xestiona arredor de 900.000 toneladas. Atende a un total de 275 concellos galegos, que suman un total de 2.256.494 habitantes, é dicir, mais do 81% da poboación de Galicia.

Agustín Hernández resaltou “o importantísimo papel xogado por Sogama na xestión dos residuos sólidos urbanos de Galicia dende a súa creación en 1992 para facer fronte ao proceso de deterioro ambiental orixinado pola proliferación de mais de 300 vertedoiros incontrolados e de 3.000 puntos de vertido ilegal que estaban a ocasionar serios prexuízos ao medio ambiente”.

Para o conselleiro, a pesares de que houbo lagoas na xestión e no funcionamento da planta, “a súa creación foi un éxito incuestionable que permitiu implantar un tratamento global e integral para o conxunto de residuos xerados en Galicia, e que nos permite falar dun antes e un despois no que a xestión de residuos se refire na nosa comunidade”.

A evolución dos residuos e a crise
O responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia explicou que a crise económica está a influír tamén na produción de residuos urbanos, xa que o número de toneladas xestionadas pola planta diminuíu en 2008 por primeira vez dende a creación de Sogama, pasando de 909.421 toneladas en 2007 a 896.965 no ano 2008, e dicir, un 1,37 %.

Se comparamos o primeiro semestre de 2008 con igual período de 2009, compróbase que a tendencia decrecente continúa e se intensifica, xa que se pasou de 437.918 toneladas a 417.963, un 4,53% menos.