Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, levará a cabo os traballos de mellora do firme do treito polo que discorre a saída 7 (VG-4.2) da vía rápida do Salnés dende este luns, día 13, ata o vindeiro mércores, día 15, cun horario que vai dende as 08.00 ata as 21.00 horas. O departamento que dirixe Agustín Hernández investirá un total de 217.183 euros na materialización destas obras. O conselleiro comprometérase a levar a cabo estes traballos de mellora na súa visita a localidade pontevedresa de Ribadumia, o pasado mes de maio.
As modificacións no firme desta vía precisan cortes alternativos de carril, polo que dende o departamento de Medio Ambiente da Xunta de Galicia prégase que desculpen as molestias que se lle poidan ocasionar aos usuarios do tramo nestes tres días.
Esta obra, cuxo proxecto foi aprobado a comezos do mes de xuño, levarase a cabo entre os puntos quilométricos 0 e 1.000, nas proximidades de Santo Andrés de Barrantes, no termo municipal de Ribadumia, polo que a lonxitude a arranxar é dun quilómetro dos 4,5 con que conta o vial. Os concellos beneficiados por esta acción de mellora do firme son Ribadumia e Cambados, dando servizo a unha poboación de máis de 18.000 veciños. Asemade, veciños dos concellos de Vilagarcía de Arousa (37.329), de Vilanova de Arousa (10.643) e a Illa de Arousa (4.785), tamén se beneficiarán desta actuación, xa que son concellos veciños, así como as empresas dos polígonos industriais da zona.
Estado deficiente
A actuación lévase a cabo porque a capa de rodadura deste treito ten un estado deficiente. Cos traballos que se acometerán preténdese dotar á vía dunhas mellores condicións de seguridade, conformidade, uniformidade e durabilidade. Farase unha rehabilitación do firme mediante o fresado da capa de rodadura e a extensión dun novo aglomerado.
Esta mellora viaria da VG-4 completarase co cambio da barreira de seguridade metálica existente por unha adaptación da barreira de protección de motociclistas. Tamén se modificará a drenaxe lonxitudinal coa instalación de novas cunetas, a reposición de bordo e das vallas en mal estado de conservación e, por último, procederase á limpeza de marxes.
A Consellería de Medio Ambiente leva a cabo esta mellora viaria dentro das políticas de actuación dirixidas a dotar á Comunidade galega de infraestruturas de transporte e á mellorar a mobilidade dos galegos, incrementando a súa seguridade vial. Dende o departamento que dirixe Agustín Hernández destacase que todas as accións en materia de infraestruturas están reguladas por criterios, como a seguridade, calidade e racionalidade.