11 julio 2009

Medio Rural se congratula del consenso sobre estrategia para la crisis de los precios de la Leche

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Medio Rural congratúlase dos resultados da xuntanza mantida entre representantes dos produtores, distribuidores, comercializadores e entidades sindicais agrarias, na que se deseñou, por fin, unha estratexia conxunta para facer fronte á crise de prezos do leite en orixe, que se arrastra na nosa Comunidade desde hai xa, polo menos, ano e medio. A Xunta felicítase, ademais, porque dunha vez por todas se faga efectivo este propósito de colaborar conxuntamente, por parte dos axentes implicados, na procura de solucións a unha situación que está a poñer en serio risco o futuro do sector lácteo galego.

A Consellería quere lembrar, tamén, que desde o primeiro momento en que o novo equipo directivo se fixo cargo deste departamento non deixou de traballar para acadar unha saída da crise satisfactoria para todos. Neste sentido, cabe salientar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma na que se están a desenvolver inspeccións no mercado do leite, tanto no que atinxe ao control de calidade como en materia sanitaria e na estritamente comercial, a partir da constatación de que existen prácticas comerciais que están prexudicando seriamente aos produtores.

Convocatoria de mobilizacións
Diante da convocatoria, esta semana, de diversas mobilizacións no sector, a Consellería do Medio Rural quere salientar, en primeiro lugar, que comprende e comparte o malestar, a preocupación e a inquietude dos gandeiros, pero insiste en que a solución ao problema pasa por un entendemento entre tódalas partes –produtores, industria, distribuidores e administracións públicas–, máis aló do lexítimo dereito dos produtores a manifestarse para facer ouvir as súas reivindicacións. Neste mesmo sentido, o departamento que dirixe Samuel Juárez quere lembrar, unha vez máis, que a baixada dos prezos é un problema de ámbito comunitario.

Medio Rural insiste ademais en que, como é ben sabido, na Unión Europea os prezos son libres, e non é competencia de ningunha administración establecer límites, malia que si se pode buscar un consenso entre produtores, industrias e distribuidores, na procura dun acordo beneficioso para todos, como está a facer o Goberno Galego. Ao tempo, a Xunta quere incidir na necesidade de que tódalas administracións, e nomeadamente o Goberno Central, se involucren de maneira firme e decidida na xestión deste problema, tendo en conta o carácter estratéxico que para Galicia ten o sector lácteo.