07 julio 2009

Conselleira do Mar quiere que Europa sepa diferenciar los sectores pesqueros gallegos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A titular da consellería do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a necesidade de acadar unha diferenciación clara da pesca industrial, da de baixura e o marisqueo no transcurso dunha rolda de prensa ofrecida hoxe para dar a coñecer os puntos básicos que o executivo galego propón ao grupo de traballo encargado de elaborar a reforma da Política Pesqueira Común (PCP).

Para Quintana estas dúas modalidades (pesca industrial e pesca artesanal/marisqueo) non poden competir dentro dun mesmo modelo de regulamentación “xa que xogan papeis sociais e económicos distintos”. Por iso, avogou pola necesidade dunha definición do concepto de pesca artesanal e marisqueo válida a nivel europeo; así como pola creación dunhas zonas de reserva exclusiva, “que as diferencie das zonas onde faena a altura”.

Esforzo Pesqueiro por TACs
A Consellería do Mar entende que a PCP debe abandonar o sistema de TAC´S e cotas, e substituílo pola regulación da capacidade de pesca de cada buque exercida durante un tempo determinado nunha zona (Esforzo Pesqueiro). Esta medida sería moito máis simple, eficaz e con moito menor custe para o control das capturas; e contribuiría a solucionar dous dos problemas máis preocupantes dos que actualmente presenta a pesca: o exceso de capacidade da flota e os descartes.

Apoio á acuicultura e fomento do emprego
Segundo a titular do Mar, Europa debe potenciar a acuicultura coma un piar da política pesqueira comunitaria como actividade de futuro e de xeración de emprego, máxime cando a acuicultura estase a desenvolver en rexións con pouca carga urbana e en lugares afastados. Neste senso cualificou de “fundamental” que a UE promova unha política de calidade que faga atractivo o emprego no mar para a mocidade “para conseguir que a pesca sexa unha actividade vocacional interesante”, e fixo fincapé na necesidade de que os traballadores do mar podan acadar unha formación axeitada e de calidade, o que levaría implícito unha mellora no seu nivel salarial.

Por outra banda, Rosa Quintana salientou tamén a necesidade de que os produtos pesqueiros se encadren dentro dun mercado único e aberto á competencia para todos os países produtores, “pero a prol da protección dos consumidores europeos e do mantemento dunhas normas da competencia xustas, así coma da trazabilidade do produto”. Neste senso indicou que o mercado de produtos pesqueiros europeo non debe estar aberto a aquelas producións que non están suxeitas ás normas sanitarias e de calidade esixidas aos membros da UE, e salientou a necesidade de “estar atentos a aqueles produtos procedentes dunha pesca ilegal, non declarada ou non regulamentada”.

Medidas consensuadas
Rosa Quintana rematou a súa intervención sinalando que a pretensión destas propostas é conseguir que Galicia “sexa a forza e a voz da Pesca en Europa”, e sinalou que os plantexamentos presentados hoxe estarán abertos ao diálogo e ao consenso entre o sector. Así, está previsto que o contido do documento sexa remitido aos distintos grupos parlamentarios, ás asociacións profesionais, organizacións de produtores, confrarías e organizacións sindicais para tratar de acadar o maior consenso posible para que os intereses pesqueiros galegos sexan defendidos en Europa como merecen.