10 julio 2009

Conselleiro Vázquez : "a nosa aposta para esta lexislatura é a creación da primeira rede de dinamización lingüística local”.

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, afirmou hoxe no acto conmemorativo do 25º aniversario da ‘Declaración do Hostal’ que “unha das apostas da Consellería para esta lexislatura é a creación da primeira rede de dinamización lingüística local”. Esta rede coordinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aposta por “unir os esforzos desde as áreas de normalización dos diferentes concellos se veñen levando a cabo desde hai xa máis de dúas décadas”.

Vázquez Abad sinalou ademais que queda moito camiño por percorrer para normalizar o uso da lingua galega no espazo local, para o que se requiren “políticas activas que deben camiñar sempre da man da sociedade”. Por iso, o conselleiro de Educación afirmou que o novo Goberno quere encabezar a renovación do compromiso dos poderes públicos galegos nunha “promoción activa e lonxe de calquera tipo de discriminación e desenvolvendo actuacións de acción positiva que axuden a que o galego poida ser utilizado con normalidade en todo tipo de ámbitos e situacións”.

Xesús Vázquez estivo acompañado no acto polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, rexedores das corporacións e membros do Goberno autonómico asinantes da ‘Declaración do Hostal’ en 1984 e representantes da Xudicatura e dos Corpos e Forzas de Seguridade. Con este manifesto, numerosos concellos apostaron hai 25 anos polo uso na Administración da lingua propia de Galicia.

A Fegamp e a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística aproveitaron este aniversario para renovar o compromiso das corporacións locais coa lingua galega a través do manifesto “O galego, a lingua propia dos concellos e das deputacións de Galicia”. Este novo acordo fai especial fincapé en que se fomente a presenza do galego na actividade da Xustiza, especialmente no caso de avogados e procuradores que representan e defenden as administracións públicas.

Tamén se pide un impulso da lingua galega no traballo das forzas da Policía Local –tanto a nivel interno como nas súas relacións cos cidadáns e demais administracións públicas– e mais na inscrición de rexistros públicos e nas escrituras públicas.