06 julio 2009

El nudo de Curro será otra historia más acorde con las aspiraciones vecinales...


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentaron esta mañá, xunto ó Delegado Territorial, Xosé Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Barro e de Meis, o proxecto do nó de Curro, no que “se introduciron unha serie de modificacións, non só técnicas senón tamén de concepto, que permitirán por fin desbloquear esta actuación”.
O conselleiro remarcou que “se trata dunha infraestrutura que mellorará substancialmente as comunicacións viarias de Pontevedra, ordenando e canalizando a elevada intensidade de tráfico que conflúe arredor das zonas industriais da cidade”.
O proxecto, que recolle as reivindicacións veciñais, reducirá o mínimo o impacto sobre as áreas residenciais e desviará do entramado urbano o tráfico de entrada e saída dos polígonos industriais. En verbas de Hernández, “estará composto por dous enlaces, un a varios niveis que vai conectar a autoestrada AP-9, a autovía do Salnés (AG-41) e as futuras autovías Pontevedra-Vilagarcía (AG-47) e Pontevedra-Vigo (A-57), e un segundo enlace de menores dimensións para mellorar a intersección entre a PO-531 e a parroquia de Curro”.
Hernández, que precisou que esta actuación suporá un desembolso total de 39 millóns de euros, defendeu a viabilidade do proxecto plantexado “posto que vai supoñer a conexión directa da zona industrial coa rede de alta capacidade, especialmente coa Autovía do Salnés”.
Louzán, pola súa banda, aplaudiu que a alternativa presentada “supoña a confirmación de que a futura autovía Pontevedra-Vilagarcía se fará por un trazado distinto o da actual PO-531”, estrada na que, apuntou Hernández, “vaise acometer un importante proxecto de seguridade viaria con dotación de beirarrúas, mellora das interseccións e renovación do firme”.
O enlace desenvolverase en tres niveis, coas seguintes características: no primeiro nivel, darase continuidade á autovía do Salnés, AG-41, coa AP-9, integramente en autovía o que mellora a solución anterior. No segundo nivel, habilitarase unha glorieta de 180 metros de diámetro que conectará a antiga estrada PO-531 que serve ós polígonos, a mesma estrada en dirección Vilagarcía e os oito ramais que conectas ós troncos principais. O terceiro nivel, pola súa banda, dará continuidade á PO-531 dirección Pontevedra coa futura autovía a Vilagarcía de Arousa, AG-47.
Ademais, explicou Hernández, habilitaranse carrís para movementos exteriores á glorieta que conectan directamente a AP-9 coa autovía de Vilagarcía en ambos sentidos e a PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía) coa autovía do Salnés tamén en ambos sentidos.
Investimento e prazos
Este enlace suporá un investimento total de 36,5 millóns. Para desenvolvelo será necesario construir 9 pasos inferiores, 4 pasos superiores e 2 glorietas. As obras comezarán en outono deste mesmo ano, posto que antes será necesario realizar os trámites obrigados polas modificacións introducidas no proxecto. O remate desta actuación está previsto para 2012.
Enlace de Curro na PO-531
A remodelación da intersección entre a PO-531 e a antiga C-531 na parroquia de Curro, apuntou o conselleiro, resolve os problemas existentes de capacidade e seguridade viaria, actuais e futuros, coa consolidación dos espazos industriais próximos definidos no planeamento de Barro e Meis.
Este enlace suporá un investimento de 2.464.672 euros e estará rematado no prazo dun ano, no verán de 2010. O proxecto inclúe ordenación ecolóxica, estética e paisaxística, así coma drenaxe lonxitudinal e transversal, sinalización horizontal e vertical, balizamento, defensas e iluminación. As obras comezarán “de xeito inminente”, dixo Louzán, este mesmo verán.