Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Traballo e Benestar e a do Medio Rural colaboran na defensa do monte galego mediante a posta en marcha dunha campaña de voluntariado que comezará o 11 de xullo e que rematará o día 20 de setembro. Para levar a cabo este proxecto, ambos financian ao 50 por cento esta iniciativa, que conta cun orzamento total de 265.824 euros.
Así o explicaron hoxe os titulares de Traballo e Benestar e de Medio Rural, Beatriz Mato e Samuel Juárez, respectivamente durante a presentación da campaña á que desde hoxe mesmo poden comezar a inscribirse ben por vía telefónica ou a través da web.
Mato explicou que se trata dun proxecto de educación ambiental multidisciplinar, posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que ten como fin “involucrar á sociedade na construción dun medio rural sostible”. Os voluntarios que participen na defensa do monte galego exercerán unha vixilancia “disuasoria”, unha función que “sempre” será complementaria á dos corpos profesionais, indicou.
Os voluntarios que queiran tomar parte na iniciativa poderán facelo nalgunha das seis zonas nas que se porá en marcha en programa. Estas rexións (Mariña occidental-central, Mariña oriental-central, Terra de Lemos, O Carballiño, O Baixo Miño e Barbanza) foron delimitadas por Medio Rural por ser consideradas de “alto índice de risco de incendio”, indicou o conselleiro desta área, Samuel Juárez.
Neste sentido, Juárez lembrou que o Pladiga 2009 salienta a importancia da presenza de voluntarias e voluntarios, de xeito organizado, para as labores de prevención. Todos eles dispoñerán de elementos identificadores homologados pola Dirección Xeral de Montes, así como de diverso material para poder realizar as súas tarefas de vixilancia preventiva e de apoio.
Polo que respecta ás funcións dos voluntarios serán, entre outras, a de detectar lumes para dar aviso, disuadir aos incendiarios e transmitir información sobre o estado do medio rural. Tamén se ocuparán de informar á poboación sobre os riscos das queimas e, no caso de lume, de informar aos equipos de intervención dos puntos máis rápidos para acceder ao lugar do suceso, así como a auga.
Deste xeito, e a través do traballo dos voluntarios, dáselle cumprimento aos obxectivos marcados polo proxecto que pasan por crear espazos de colaboración social, evitar a aparición de lumes, educar ambientalmente aos voluntarios, impulsar as boas prácticas e divulgar a normativa vixente en materia forestal.
Para conseguilo, a Consellería de Traballo e Benestar e a do Medio Rural achegan cada unha 132.912 euros, que fan un total de 265.824. A maior partida (202.179 euros) destínase ao despregue do voluntariado –pago dos coordinadores, vehículos, manutención-, mentres que a cantidade restante (63.644) correspóndese co mantemento do teléfono do voluntariado, onde se poden apuntar todas as persoas que o desexen.
As inscricións poden facerse desde hoxe a través do teléfono de Voluntariado (900.400.800) ou por medio da páxina web www.voluntariadogalego.org. Pola súa banda as persoas encargadas da coordinación deste proxecto recibirán un curso de formación que comezará o próximo luns e que se prolongará ata o venres, a xornada previa ao inicio da campaña.