Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración con Ecoembes e distintos concellos galegos, vén de rematar a colocación dos contedores nas praia galegas para que os usuarios podan facer uso dunha reciclaxe selectiva do lixo. Esta campaña rematará o vindeiro 31 de agosto, pero os concellos que o soliciten poderán manter este servizo ata finais de setembro
O obxectivo principal desta campaña é ampliar a recollida selectiva de envases de plástico, latas e briks ás praias e outras zonas de baño de Galicia, reforzando a sensibilización da poboación con respecto á reciclaxe dos residuos domésticos e dando continuidade ao hábito da separación dos mesmos, noutros ámbitos da vida cotiá e en lugares de especial afluencia pública.
A campaña de recollida selectiva de residuos deste verán de 2009 levarase a cabo en 149 praias distribuídas en 72 concellos, das que 34 son praias fluviais. Cada praia dispón dun cartel informativo que a identifica como participante neste proxecto.
Cada concello comprométese a retirar papeleiras preexistentes que sexan incompatibles co sistema de depósito establecido neste proxecto ou recuperar os colectores empregados en anos anteriores; colaborar na instalación dos medios nas praias; velar polo uso e correcto mantemento dos medios recibidos; retirar os carteis informativos ao terminar o verán e os colectores facilitados das praias ao terminar o verán cedendo os colectores, aos centros educativos e recuperándoos ao final do curso para empregalos de novo nas seguintes campañas de verán.
950 colectores
Durante esta campaña os usuarios das praias dispoñen de máis de 950 parellas de colectores de 120 litros de capacidade para a recollida selectiva de envases lixeiros (amarelos) e de restos orgánicos e outros residuos (verdes).
Estes contedores están instalados nos areais, paseos marítimos, áreas recreativas ou entradas das praias. Cada un dos colectores proporcionados está serigrafiado indicando os residuos a depositar en cada un deles.
Durante o verán, as praias participantes son inspeccionadas para controlar o estado dos medios e supervisar a correcta utilización dos mesmos. Ao rematar a época estival, estes colectores retíranse das praias e se empregan nos centros educativos dos concellos, xa que o uso dos mesmos nas praias é perfectamente compatible co calendario escolar. Deste xeito permítese a optimización dos recursos, pois mentres no verán dan servizo ás praias, durante o resto do ano facilitan á comunidade educativa o fomento da recollida selectiva nas aulas con vistas a súa extrapolación aos fogares.
Durante este ano tamén se levará a cabo distintas accións divulgativas, entre as que destacan as 15 xornadas lúdico-informativas, a desenvolver durante o mes de agosto, nas principais praias participantes no proxecto. Nelas tratarase de dinamizar a concienciación a través da información activa aos usuarios, promovendo o seu compromiso e recollendo a súa percepción.
Moitas vantaxes
Unha das vantaxes é a ampliación do servizo de recollida do lixo nos areais, dotando de medios e información para a separación dos envases lixeiros; permite obter recursos de parte dos residuos xerados nas praias ao recollelos selectivamente, e mellórase a imaxe ambiental do Concello participante.
A nivel autonómico tamén existen numerosos beneficios como avanzar un paso máis na xeneralización da recollida selectiva a outros ámbitos da vida cotiá, deixando de ser algo restrinxido aos fogares; evita que unha porción importante de envases lixeiros se desvíe a un destino que non sexa a reciclaxe; supón un paso máis na sensibilización cidadá sobre a separación dos residuos urbanos, e ofrece unha mellor imaxe aos visitantes da xestión do lixo nos areais.
Desde o punto de vista dos cidadáns, mellórase a calidade do servizo de recollida de residuos nas praias e a limpeza das mesmas e promove a colaboración cidadá coa recollida selectiva e vaina xeneralizando a tódolos ámbitos da nosa vida.