Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, e o director do Museo, Carlos Valle, presentaron hoxe os obradoiros de verán “Reconstruíndo o pasado” e “Pinta no Museo”.
O obradoiro “reconstruíndo o pasado” simulará unha escavación arqueolóxica co ten por obxecto fomentar nos nenos e nenas o interese por descubrir o pasado e en especial un dos modos de facelo: a escavación arqueolóxica.
Os participantes realizarán os diferentes pasos do traballo de campo e de gabinete propios dunha intervención arqueolóxica, dende a recollida do obxecto ata a exposición nunha vitrina coa súa información.
Serán destinatarios desta iniciativa 15 nenos e nenas de 10, 11 e 12 anos. O obradoiro terá unha duración de 8 días que se estenderán entre o 28 de xullo ó 7 de agosto. De martes a venres de 10 a 13 h.
Por outra banda, a actividade “Pinta no Museo” buscará que os nenos e nenas participantes se introduzan, sobre todo, na técnica da pintura ao óleo pintando os seus propios lenzos a partir de obras do Museo, seleccionadas en función das súas idades e capacidades. Dedicarase tamén unha xornada ao proceso de restauración dunha obra de arte.
Neste caso, os destinatarios serán nenos e nenas entre os 5 e os 14 anos organizados en tres grupos de idades diferentes: de 5, 6,7 e 8 anos; de 9, 10 e 11 anos; e o último grupo de 12, 13 e 14 anos. Cada grupo terá un máximo de 15 participantes. Este obradoiro terá unha duración de catro días, de martes a venres de 10h a 13h. Desenvolverase ó longo do mes de agosto a razón dun grupo cada semana.
As persoas interesadas en participar nos obradoiros deberán poñerse en contacto co gabinete Didáctico do Museo, ben persoalmente, ben por teléfono, chamando , neste caso, ao número 986851455. A inscrición pecharase cando estea completo o número de asistentes para cada un dos obradoiros.
Noutra orde de cousas, Pedrosa e Valle recordaron a programación musical que se vai a desenvolver no Museo de Pontevedra dentro do ciclo Sons no Arco. As datas dos concertos pódense consultar na páxina web do Museo de Pontevedra (museo.depo.es).
Tamén o Museo programa varias exposicións para este verán, entre elas as presentadas ó certame Novos Valores.